Un andazo infernal

Vicente de Lema

CARBALLO

ANA GARCIA

OPINIÓN | «A violencia sobre a muller é unha fatal desviación da conduta dos varóns que está traendo moitas desgrazas»

03 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha desgraza. Unha muller debátese entre a vida e a morte, entre tubaxes e máquinas que asisten a vida por mor dunha brutal agresión por parte de quen máis lle tiña que querer. Foi pateada na rúa sen misericordia ata quedar sen acordo e co corpo tan magoado que se atopa moi grave no hospital.

Carballo e toda a bisbarra cubríronse de espanto, de silencio amargo cunha dor interior imposible de describir e sen outra cousa que dicir que lamentar tamaña desgraza e manifestar o desexo que, diante esta situación, a muller, polo menos, poida recobrar a súa saúde e, máis pronto que tarde, volver á súa casa a onda os seus filliños e retomar a súa vida máis normal posible.

Debe ser moi difícil recuperar a serenidade despois unha agresión destas características. Non só por ela, tamén polas criaturas, que reciben unha lección de vida contra a natureza: que o seu propio pai lle pegue unha malleira a súa nai ata case deixala ás portas da morte. Iso ten que ser coma un pelouro que un ten que levar ao lombo do seu interior toda a vida. É complicado explicar que un home chegue a encherse de tanta rabia como para agredir dese xeito á compañeira ou que alguén que algún día debeu de ter o seu corazón cheo de amor chegue un momento no que ese sentimento se torne no comportamento dunha fera agresiva e imparable.

A violencia sobre a muller é unha fatal desviación da conduta dos varóns que está traendo moitas desgrazas. Unha especie de andazo infernal que anda deixando orfos por aí adiante. Machadazos inxustos en vidas que tiñan que ser felices e que tornan desgraciadas.