Roberto Pena: «A Costa da Morte é das zonas máis importantes de pecios en Galicia»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

O xefe de Arqueoloxía da Xunta destaca os numerosos barcos de Padilla afundidos en Fisterra

08 may 2022 . Actualizado a las 11:46 h.

O arqueólogo Roberto Pena Puentes (Lugo, 1956) dirixe o servizo de Arqueoloxía da Consellería de Cultura, Educación e Universidade dende o ano 2014. Antes estivo á fronte do departamento de vixilancia e inspección do patrimonio cultural. Será unha das voces expertas no foro que se celebrará no Concello de Fisterra o vindeiro martes, ás 11.30 horas, organizado por La Voz de Galicia e tres Galp, para debater sobre a protección do tesouro subacuático. En concreto, o proxecto e área de traballo é RIMARTES, acrónimo de «Riquezas do mar, tesouros do profundo», e os promotores son tres Galp: Golfo Ártabro Sur, Costa da Morte e Costa Sostible.

—En que liñas se traballa dende a Xunta para a protección do patrimonio submarino?

—Sobre todo, en coñecer o que hai, pois non se pode protexer aquilo que non se coñece. Neste sentido, o patrimonio subacuático é o máis complexo. Nos últimos anos, en colaboración coa Armada, levamos a cabo campañas de prospección, isto é, actuacións nas que imos aos sitios para buscar pecios, porque hai que ter en conta que en Galicia, nestes momentos, hai case 1.000 pecios coñecidos. Que sexan anteriores ao ano 1901, que é cando a lei os considera históricos, hai 193, aínda que destes, que estean ben localizados, hai 30.

—Na Costa da Morte, xa só polo seu nome, ten que haber moitos.

—Puf... É unha das zonas máis importantes que hai en Galicia, pero con moitísima diferenza. Como din algúns historiadores, só da flota de Padilla afundíronse máis barcos en Fisterra que de toda a Armada Invencible. Cando estas embarcacións foron axudar aos insurxentes irlandeses na época de Felipe II, afundíronse sobre 30 barcos aí e morreron 2.000 mariñeiros. Un deles, Punta Rastelos, é dos máis coñecidos. Pero tamén hai outros como o paquebote inglés Great Liverpool, que foi a pique a mediados do século XIX na zona de Corcubión; a fragata francesa La Bayonnaise, moi famosa, que estivo loitando contra os ingleses e acabou na praia de Sardiñeiro… Fisterra está pragada de pecios históricos. O problema é atopar onde están. Non é nada doado, pois para iso necesítanse estudos dos arquivos históricos, dos mariñeiros da zona que son os que mellor coñecen o mar...