A nova ubicación da feira de Baio

Xan Fernández Carrera

CARBALLO

BASILIO BELLO

01 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O novo emprazamento da Feira de Baio está a dar resultado, pois vese que este mercado mensual está a recuperar imaxe, vitalidade e atractivo e sae do esmorecemento que viña sufrindo ultimamente por dispoñer dun espazo inadecuado e falta de apoio institucional.

Esta nova ubicación seguro que contribuirá á potenciación desta feira histórica da que xa temos datos da súa celebración desde o ano 1741, tal como se recolle no estudo que realizaron Xosé Mª Lema Suárez e Xosé Mª Rei Lema, porque dispón dun espazo máis amplo, con mellores condicións de acceso e maior comodidade para a instalación dos postos de venda, pero tamén porque conta co apoio do Concello de Zas, e posiblemente dos veciños Baio ao comprobar que a feira favorece o comercio e os establecementos de hostalaría da localidade.

Cando se instalou a feira primitiva no campo da Piroga (Bamiro, Vimianzo), no que permaneceu en toda a súa historia, non foi por casualidade, senón porque tanto a Piroga, como Baio, eran o centro xeográfico da Terra de Soneira histórica e esa situación de centralidade, lugar de paso de camiños, foi a que a veciñanza comarcal considerou idónea para fundar esta feira, e acertou, porque a feira de Baio e de Berdillo, foron as dúas máis importantes de toda a Costa da Morte.

Nesta nova andadura, se segue a contar co apoio do Concello de Zas e dos veciños de Baio e se se sabe adaptar aos novos tempos, potenciando, ademais dos postos de roupa e calzado, que hai en todos os mercados, outros que atraian a máis visitantes como a artesanía, a agricultura ecolóxica ou outros produtos alternativos de alimentación ou doutro tipo, e todo isto se acompaña dalgunha animación musical, esta feira consolidarase e o seu futuro estará garantido.

Baio xa demostrou ao longo da historia que era un lugar estratéxico para actuar como un centro comercial, como foi o caso da súa feira e atraer a xente de toda a comarca e de máis alá, agora o Concello de Zas e a veciñanza baiesa terán que poñer o resto para que este mercado se manteña no tempo e contribúa a dinamizar a economía desta vila soneirá.