Aberto do peito

Vicente de Lema

CARBALLO

14 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As nosas accións falan sobre nós tanto coma nós sobre elas», viña a dicir a escritora británica Geoge Eliot. Ou tamén hai quen recorda para os mesmos casos aquel outro dito bíblico de que polos seus feitos os coñeceredes. Un atopa de todo na vida. Chega con saír da casa para ver escenas e escenarios. Así que un vai vendo cousas coas que ás veces queda pasmado ou, como diría a avoa, aberto do peito. O pasado domingo, día tranquilo, máis ben escuro, con cortinas de orballo por tempos, decidín facer unha andaina pola beira do mar. Ía tranquilo, xa próximo ó solpor, cando, de repente, escoito un ruído mecánico moi forte, atronador. O mar estaba fero. Tanto que a escuma voaba pola ribeira adornando os toxos con bolas brancas. O primeiro que un pensa nunha circunstancia así é que alguén puido caer a auga e un helicóptero saíu á buscar ó accidentado. Pois non, uns pasos máis adiante vin como viña de fronte un potente quad a toda velocidade. Menos mal que nunha curva non pillou a unha das moitas familias, con pais e nenos, que adoitan facer estes percorridos. Non reposto de todo da sorpresa, instantes despois, cruzo cun mozo con pantalón corto e espido de cintura para arriba. Saúdo, pero non chego a oír unha contestación. Sigo andando ata que a minguante luz aconsellaba xa dar a volta. De retorno, escoito no medio do monte uns berros inintelixibles. Coma se a alguén lle ocorrese algo. Sería un susto ao ver o lobo, o xabaril ou o raposo? Pensei preguntándome ao mesmo tempo. Andando uns minutos vexo de novo ó mozo do pantalón curto. Púxose colorado, pero non dixo nada. «No mundo ten que haber de todo», dicía a avoa.