Estará colocada ata o vindeiro 21 de decembro e poderá visitala todo aquel que o desexe. Pasará máis tarde polo CPI de Zas e xa estivo no CEIP Labarta Pose de Baio
14 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Primeiro pasou polo paseo fluvial baiés, despois, polo colexio que leva o seu nome, e agora será o instituto Maximino Romero de Lema o que acolla, ata o vindeiro 21 de decembro, a mostra itinerante que o Concello de Zas promoveu en torno á figura do ilustre Labarta Pose.
A exposición, composta por seis paneis nos que se recollen fotografías e textos explicativos sobre a vida e obra do escritor, fotógrafo e xornalista, inaugurouse o pasado venres e poderá ser visitada por todo aquel que o desexe ata o 21 deste mes, de luns a venres e sempre en horario escolar.
O alcalde, Manuel Muíño, así como as concelleiras de Educación e Patrimonio, estiveron presentes na apertura da mostra, da que tamén participou a directora do centro, Ana Facal, e o alumnado de primeiro curso de educación secundaria.
Os estudantes visitarán a exposición seguindo unha unidade didáctica elaborada dende o instituto, o que lles permitirá coñecer máis sobre un dos persoeiros máis ilustres do Concello, así como apoiar «o traballo da Comisión Labarta Pose na concesión do Día das Letras Galegas», sinalan dende o IES, ao tempo que anuncian que apoiarán sempre este tipo de iniciativas, que consideran «esenciais para o coñecemento do patrimonio cultural e que serven para xuntar a comunidade ao redor dos seus símbolos», indican.