Viaxes de Nadal

CARBALLO

05 dic 2021 . Actualizado a las 12:05 h.

Hai ganas, necesidades e por suposto hai moitos máis vacinados, pero aínda así non están as cousas moi ao xeito para viaxar. Xa non digo por pracer, que tampouco, senón para tantos milleiros de persoas, de emigrantes nosos, que sempre polo Nadal volven á casa. Esta si que é unha tradición enraizada na Costa da Morte, ben máis ca de Papá Noel , o Apalpador ou a neve. Sobre todo dos de Suíza, que eran os que nos traían a neve virtual, xa fora falando dela por teléfono, nos bares ou en postais, e agora sempre polas redes sociais cando os cantóns se enchen de branco.

Non, tampouco haberá chegadas masivas coma antes. Pensabamos que o ano pasado sería o primeiro e único con esas ausencias, e aquí está o segundo. Por restricións, precaucións, medo... Pola batería de requisitos! Amañar un regreso a Londres, por exemplo, é tolear coa burocracia, pasar por PCR, estar controlado, dar todos os datos... Xa sei que é polo ben dun, ou iso din, pero bota para atrás. Vai ser outro Nadal raro, xa o está sendo. E iso que se están mantendo actos que o ano pasado eran impensables. Houbo quen cancelou, como os de Liechtenstein o mes pasado, pero os das Xeitosiñas de Zúrich celebraron onte o seu 40 aniversario. Por aí temos veciños, igual que nas entidades de Lausana, na que estivo esta semana o secretario de Emigración, nun bar do centro que levou moitos anos un de Laxe, ao lado doutro que ten un de Carballo, subindo cara o castelo. Encontros necesarios para falar do que pasa, do que hai e do que houbo. E aínda así, os avións están careiros. Os buses non: hai prazas da Coruña a Xenebra por 78 euros, e xa mañá. A nova norma, de onte sábado, de que agora tamén hai que ter PCR previa para entrar en Suíza vai ser outro atranco poara moitos, sobre todo porque son centos de euros a maiores no caso dunha familia, e non todos queren ou poden. En fin, a ver para o 2022.