O prodixio dos acochos naturais

luís giadás

CARBALLO

GIADÁS

Memoria doutro tempo | Penedos fantásticos

30 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Lobos nunca vin. Porcos bravos, porcoteixos e raposos, si. Cando os pastores de ovellas e de vacas estabamos no monte Borneiro e viamos nubes de auga, abrigabámonos naquel refuxio, coas vacas ó redor, e faciamos unha larada. O que tiña broa e era de boa idea, arreáballe aos outros unha tallada. Nós repartiamos a froita que levabamos. Naqueles mundos todos éramos pobres». Quen lembra así a súa nenez e mocidade na dura posguerra é o veciño de Vilaseco José Rodríguez Pazos, José de Severo, de 89 anos. O acocho (agocho) ou reparo natural do que está a falar é dun dos sitios máis máxicos da Chan de Borneiro: a Igrexa dos Lobos.

A Igrexa dos Lobos é un petón de máis de dous metros de altura que está furado, de parte a parte, por un túnel de 1,55 metros na súa parte máis alta e dunha lonxitude de 6,80 metros. Impresionan as súas paredes lisas, semellando estar labradas por unha rebarbadora. O seu chan é de terra espida: nin mofo nin herba medran nel. Asomándonos pola parte máis estreita do túnel, albiscamos unha tobeira, un furado circular entre a matogueira feito por algún animal que se abriga alí. Atópase este dolmen natural na chousa de pinos chamada Tras do Castro, por estar no camiño cara ao Castro de Arriba («Ese é o castro de Borneiro e non A Cibdá —di José do Severo—. Os da Cibdá eran mouros e moitos e atacaron aos celtíberos, que vivían arriba e era moito menos persoal, pero as frechas dos mouros rebotaban contra as paredes do castro e mataban bastantes mouros, co cal venceron os celtíberos». Versión local da milagreira escaramuza de Covadonga…). «A Igrexa dos Lobos non é miña, é da Natureza», sentencia Álvaro Ramos, dono de Tras do Castro, quen nos guía ata este monumento xeolóxico.

Por debaixo do petón están os 313 ferrados do monte da Xunqueira, e de camiño ao Castro de Arriba está o Niño do Corvo. «Baixando a Muriño, no fondo do cobo á esquerda, está a Fonte dos Encantos —infórma José de Severo—. A xente collía medo de pasar por alí por se saía a rolda». Unha veciña de Borneiro comentáranos: «Os mouros do Castro de Arriba comunicábanse por un túnel cos da Cibdá e coa Fornella de Vilaseco (o dolmen de Dombate) e baixaban a beber á Fonte dos Encantos, hoxe entullada pola matogueira».

Non é a única fonte. «No camiño á Igrexa dos Lobos —ilustra Álvaro Ramos— había un manancial pequeno, coma un furado de tiopa, que daba sempre auga morna. Era unha fanqueira (fangueira) onde se envorcaban os xabaríns». Este dato fainos evocar a hipótese etimolóxica que sobre Borneiro nos proporcionara Fidel Fernández Bello, o entrañable párroco naquela área soneirá: «Bormos son os mocos e a auga borna é a morna ou quente, como en Bormoio e en Bormoxoio, Agolada, ou en Bermello, Lamas de Zas. Por iso, Borneiro indica un manancial temperado, en contraste coa fonte fría, que dá nome a outra aldea borneirán, e con Vilaseco, chamado así pola fonte que seca no verán».

Mais a Igrexa dos Lobos non é o único acocho desta Ribeira Baixa do Anllóns. «Alí, no monte Borneiro —prosegue José de Severo—, a pá dos viróns (andavías ou eólicos), está a Pedra da Moa, entre as parroquias de Borneiro (A Fernandiña) e Canduas (Os Picotiños, co seu afamado banco-miradoiro) e, cabo da Fernandiña, refuxiabámonos nun petón coma un túnel, que chamamos A Corte de Nosa Señora. Alí apañei unha cabra que se me escapara».

Curioso topónimo o de Corte, que se repite na Corte das Cabras, preto do monte Castelo do Allo: «Na costa enriba mesmo de aquí, antes da Corte das Cabras —comentaba unha veciña de Regalados—, está a Pena Vella, que por baixo fai unha agocha que de alto pode ser coma os brazos estricados dun home. Un veciño que tronzaba árbores no inverno asustouse ao descubrir nesta agocha unha loba con tres lobiños». E falando de lobos, un deles merodeaba ao redor do gaiteiro de Ures, cando baixaba polo Roncaduiro, vindo da romaría do Briño… a forza de pulmóns e do fol enchido, o músico escorrentou á fera. Aínda quedan alí os restos da Casa do Gaiteiro.

Por último, atención a outro topónimo, Cocho: Aghucha, Buzaco, impresionante panorámica sobre a Ría de Canduas; O Cochedo, Cerqueda, «chousa circundada con muro, de oito ferrados de cabida, en 1915» (o río do Vaa é o río do Cuchedo, onda o monte Cuchedo); o Cocho da Vella (castro de Nostián, Arteixo): O Cochouro, «leira antes a patacas e verzas na Pedra que Tan(que), Daneiro, O Allo» (Carmen Mira Rey e o seu fillo, Pedro Lema Mira, grazas); Os Cucheiros, abaixo do cemiterio novo de Arteixo (Moncho García Castro, Chinés); as cochas de raposo ou de lobo na Pena da Eirita, Anos (veciña da Brixería, no Muíño da Lebre, Miraflores de Anos); Cucheiro de Abaixo e Cucheiro de Arriba, na Vereda de Tella…

A nosa terra si que é un bo cucheiro de nomes de lugar, de penedos fantásticos, de lendas, de memoria oral… Conservémolos!