Devolver á vida a Estela, a misión do CPI de Zas este Samaín

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Unha das imaxes que deixou o Samaín no CPI de Zas
Unha das imaxes que deixou o Samaín no CPI de Zas

O colexio organizou diversas actividades por estas datas, entre elas un orixinal «scape room» ou unha ficticia partida de xadrez coa morte 

01 nov 2021 . Actualizado a las 22:30 h.

Foron moitos os centros educativos da Costa da Morte que conmemoraron o Samaín. E, nalgúns, tomárono ben en serio. É o caso do CPI de Zas, que despois do parón do 2020 pola pandemia retomou a celebración decorando as aulas, disfrazándose e tomando parte no cuarto de escape (scape room) preparado por alumnos de cuarto de ESO.

Trasladan dende o colexio que a ludoteca e un amplo espazo do corredor que dá acceso a ela foron o escenario perfecto da actividade, na que xunguiron dúas lendas tradicionais, a da Santa Compaña, que anuncia a morte dunha persoa, e a da noite do Samaín, cando se abren as portas que separan o mundo dos vivos e do Alén, facilitando o tránsito entre un e o outro. «O enterrador do cemiterio recibe o grupo de participantes e cóntalle a misión que deben cumprir: poden salvar a Estela, unha noiva a quen foi buscar a Santa Compaña e que xace soterrada nese camposanto. Na noite de Samaín, pode volver á vida. Durante uns dez minutos, o grupo terá que colaborar na recollida de pistas e enfrontarse a figuras relacionadas co Alén: meigas, espíritos, enterradores e tamén Banshee, a figura feminina anunciadora da morte na cultura celta. Deben atopar o sepulcro de Estela e, ante el, recitar o esconxuro. Cando Estela se ergue, os monstros anuncian a súa volta á vida e comeza a conta atrás: só dez segundos para saír pola porta dos vivos ou todos quedarán no mundo dos mortos para sempre...». Así relatan dende o colexio a misión deste emocionante xogo.

Non foi o único que fixeron. Tamén se levou a cabo un docudrama sobre a Santa Compaña, unha ficticia partida de xadrez contra a mesmísima morte e un ciclo de obras de historia da arte relacionadas con ela, homenaxe a artistas falecidos, dende Mozart a Michael Jackson.