Javier Bardanca: «Nunca é tarde nin hai unha idade para aprender a tocar un instrumento»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Historicamente vinculado á verbena, o carballés asume o cargo de novo director do Conservatorio con «ilusión» e «orgullo», pero apenado polo repentino pasamento de Juan Otero

24 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tralo tráxico pasamento de Juan Otero, o músico carballés Javier Bardanca (1972) colle as rendas do Conservatorio Profesional de Música de Carballo con «ilusión» e «orgullo», di, pero fondamente apenado pola perda dun bo amigo e grandísimo profesional. Bardanca, trompetista, dirixiu durante anos a orquestra Trébol, na que tamén traballaba a súa muller como vocalista, e durante os últimos vinte anos deu clase no Conservatorio. Unha institución, segundo ten dito, que o «salvou» cando a crise sanitaria freou a maquinaria da verbena.

-Chega ao cargo nunhas circunstancias difíciles.

-Así é. Non contabamos con nada do que pasou e foron momentos complicados. Ademais da perda humana, que é irrecuperable, colleunos xusto cando estaba todo preparado para o inicio do curso.

-Planean algún tipo de memorial ou homenaxe?

-Si, de feito é algo que xa temos mirado coa concelleira, pero de momento está todo moi recente e aínda temos que pechar algunhas cousas como quen dará as súas clases. El impartía varias clases, como eran acordeón, violonchelo, linguaxe musical e piano complementario, e era difícil atopar a unha soa persoa que reunise todas esas características, así que tivemos que sacar praza para cada instrumento e hai algunha que aínda non está cuberta.

-Como recibiu o nomeamento?

-Non foron as mellores circunstancias para asumir o cargo, pero para min, un carballés que ademais estudou aquí, é un orgullo e unha honra chegar a dirixir esta institución e tamén a Banda Municipal, que tamén asumo este ano. Agradezo enormemente ao Concello que confíe en min para esta función. Intentarei facelo o mellor que poida e tratarei de estar á altura.

-Cal será a súa liña de traballo a longo prazo no CMUS?

-Gustaríame que o Conservatorio nutrise e servise de trampolín para a Banda Municipal de Carballo, para que esta sexa recoñecida e poida facer concertos por diferentes puntos de Galicia. Ata agora houbo anos nos que predominaba o alumnado de guitarra e piano, pero non de instrumentos de vento, que son os que encaixan nas bandas.

-Quizais hai que facer máis divulgación para que ese tipo de instrumentos gañen algo máis de popularidade.

-É o que tratamos de facer. O Concello ten un banco de préstamo para eses instrumentos menos populares e, así, as familias non teñen que facer ese desembolso inicial. Moitas veces os nenos descoñecen as vantaxes que ten elixir un instrumento de vento, como a posibilidade de tocar nas agrupacións, que é unha das cousas que máis lles adoita gustar aos alumnos. Instrumentos como o piano son moi individualistas.

-Canto pode custar unha trompeta para fins educativos?

-Unha de estudante para facer o grao elemental e quizais un pouquiño do profesional pode andar polos 700 ou 800 euros. Tamén as hai de menos calidade, pero é un erro porque ao final acabas tendo que desbotala enseguida.

-A educación musical a miúdo é vista como unha actividade extraescolar, máis que unha parte da formación dos rapaces.

-Unha cousa está clara, e é que precisamos da música para vivir. Eu creo que os nenos que se forman en música gañan en independencia, ven outros sentidos desenvoltos e mesmo teñen máis facilidade para estudar outras materias. Algúns virán ao Conservatorio como unha actividade extraescolar, pero a realidade é que están empezando unha carreira.

-Hai opcións para esas persoas en idade adulta que queren explorar esas vocacións agochadas?

-O grao elemental está dirixido a nenos de 8 a 14 anos, pero existe a posibilidade de preparar unha proba de acceso ao grao profesional a calquera idade. Iso en caso de querer facelo academicamente. Para a xente que quizais na súa infancia non tivo a oportunidade e agora, xa de adulta, quere matar o gusanillo, por así dicilo, hai moitas academias nas que intentalo. Nunca é tarde para aprender a tocar un instrumento, nin hai unha idade límite. Tamén hai xente que non puido ir nalgún momento pero manda aos seus fillos, e iso tamén é bonito, ver cumprir os seus soños a través dos rapaces.

Ana Garcia

«Con esta incertidume é difícil que a xente que cambiou de traballo volva á verbena»

Bardanca adoitaba tocar a trompeta na orquestra Trébol.

-Aínda non está o mundo da verbena para botar foguetes.

-Hai moitísima incertidume de momento. Parece que este ano vai indo a cousa mellor e oxalá se poida volver aos escenarios, pero sabemos que se hai calquera rebrote volverán a prohibirse as festas. O sector é o último en volver, pero tamén o primeiro en pechar en canto hai problemas.

-Volverá á Trébol?

-Estou agradecidísimo á verbena e á Trébol, porque foi o meu medio de vida durante case trinta anos, pero asumindo estas novas responsabilidades no Conservatorio non tería tempo para compaxinar coa orquestra. Agora tócame centrarme nesta nova etapa da miña vida e intentar facelo o mellor posible.

-Gustaríalle terse despedido en condicións?

-Si, quédame esa pena. De non ter sido así, tería planificado unha despedida cos seguidores da orquestra, porque ademais tamén a miña muller está na mesma situación, xa que ela era a cantante.

-Nestes momentos prima a estabilidade. Cre que moita desa xente da verbena que se cambiou de profesión volverá de novo?

-Con esta incertidume, non creo. Se polo menos houbese prazos ou unha certeza de que, cando se retome, será definitivo... Pero polo momento non a hai. A miña sorte, con respecto a outros compañeiros de traballo, é que eu sigo vivindo da miña profesión, do que estudei e do que xa facía, que era impartir clases.

-Poder vivir da música en pleno 2021 non é doado.

-É unha sorte, e tamén que confíen en ti na túa terra. Que máis lle podo pedir eu á vida... Saúde!