Crítica teatral, por Santiago Pazos | Unha defensa férrea do idioma, aínda que con matices pendentes na dramaturxia. «Camiños», da contadora Paula Carballeira: De noite todo son sombras
05 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.
O sábado pasado chovía a esgalla enriba da metálica cuberta do Pazo da Cultura de Carballo mentres asistíamos a estrea de A parábola do angazo, obra satírica de pequeno formato interpretada por Artur Trillo e Toño Casais, baixo a dirección de Diego Rey, coa que Talía Teatro volve reflexionar sobre a situación e uso do idioma galego, como xa fixeran con bastante éxito en Bicos con lingua e Pelos na lingua.
A estrutura teatral está cementada sobre unha serie de sketchs cómicos onde a partires de feitos anecdóticos desenvolven unha trama que pon ao descuberto as dificultades reais que afectan á supervivencia do noso idioma. Comezan coa parábola do angazo, lenda recollida polo Padre Sarmiento no século XVII, na que un rapaz esquece a súa lingua cando regresa a aldea despois dunha curta emigración a Castela e terminan cunha versión libre da traxedia de Romeo e Xulieta na que os namorados non poden casarse por causa de que non falan a mesma lingua.
Unha comedia intencionadamente pedagóxica na que o humor substitúe aquela funesta máxima que dicía que a letra con sangue entra. A cuestión aquí vai de convencer de que falar galego non resta prestixio, senón que engade coñecemento. Non esquezamos que, como indican tódalas enquisas, e mesmo alerta o Consello de Europa, ese tesouro que é a lingua propia pode desaparecer se seguimos a darlle as costas.
Soe dicirse que unha chuvia fina, unha chuvisca, cando é persistente, molla dabondo ata que nos decatamos que estamos empapados. Isto é o que intenta Talía coa súa defensa da lingua, avisarnos con ironía e boas formas de que non estamos a facelo ben, de que hai un serio perigo de perder unha parte importante da nosa identidade. Eu, pola contra, penso que terá que chover a esgalla para virar o rumbo tan penoso que levamos.
Para terminar, sinalar que, na miña opinión, a posta en escena e a dramaturxia dalgún sketch en concreto precisan ser revisados, falta axilidade e pérdese tempo en retóricas que xogan en contra do ritmo e a frescura que esixe un espectáculo deste tipo. Nada importante, xa que estou seguro que Talía saberá ir limando esas asperezas ao tempo que a obra vaia rodando. Experiencia e profesionalidade non lles falta. Moi recomendable sobre todo para centros de ensino.
«Camiños», da contadora Paula Carballeira: De noite todo son sombras
Paula Carballeira é posiblemente a única contacontos que coñezo que nun tris consegue transportarte a un espazo físico recoñecible sen necesidade de moverte da cadeira na que estás sentado. Tal é o poder de suxestión e fantasía que crea nos que a escoitamos que pasamos de ser espectadores a personaxes sen apenas decatarnos.
Paula non precisa de ningún tipo de atrezo, nin banda sonora, nin escenografía, porque ela soa enche calquera escenario coa maxia da xestualidade e as palabras; interpretación oral que bebe da tradición de xeito natural, sen pretensións de transcender o que acontece na vida cotiá dos vivos nin na tranquilidade dos mortos, se é que tiveron bo tránsito. Por algo di que os que morren con medo non descansan, pero os que viven con medo tampouco.
A súa especialidade é ese humor negro que crea espazos escuros e tenebrosos dos que sempre queremos fuxir correndo, mundos nos que rirse dos medos é a mellor forma de superalos. Vai debullando vivencias con aparencia de normalidade que cando menos pensas desembocan en situacións macabras por circunstancias pouco claras, historias nas que a tensión dramática pódese cortar cun coitelo.
E ti, espectador avisado ou distraído, queiras ou non queiras, pérdeste nese mundo cheo de sombras creado por Paula Carballeira para seducirte, ou aducirte máis ben, e sorrís suorento pregando pasar desapercibido.
Saúde e larga vida…