Hai que ver a de sendas peonís e ciclistas que se están facendo na bisbarra. Hai que recoñecer que as Administracións están gastando moitos cartos nunhas infraestruturas de futuro e de saúde. Que a xente camiñe ou se desprace en bicicleta, como ben se ve en moitos países europeos, é moi saudable e contribúe á felicidade das persoas. Os pobos terán mellor calidade de vida cantos máis espazos haxa para andar ao aire libre e facer exercicio.
Se ben todo isto é así, unha verdade absoluta, o que non se entende é que arquitectos e enxeñeiros que deseñan estes novos camiños tan cómodos para desprazarse a pé, non se fixan no que levan moito tempo facendo neses mesmos países nos que tamén hai moito que teñen carrís para as bicicletas e máis carreiros para andar por vilas e bosques. Son as árbores. Na Costa da Morte proxéctanse quilómetros e quilómetros de sendas, pero cando están rematadas hai unha cousa que se bota de menos: as árbores. É incomprensible que no futuro non se poida andar por todos eses carreiros á sombra. Non sei que teima hai entre nós en contra das árbores, ou non se entende.
Camiños para andar, pero sen abrigo. Unha árbore é un poema da vida, un templo da natureza e, ao tempo, o complemento perfecto para un paseo, unha senda, un carril ou carreiro para andar, correr ou pasear. Quen planta unha árbore planta esperanza, fermosura, oxíxeno, sombra, froitos e ata é un baluarte contra o cambio climático. Todas vantaxes e ningunha incomodidade. Neles aniñan os paxariños e mais o amor e a saúde. Poña unha árbore na súa senda, debería ser o lema, pero non sei en que estarán pensando.