Eólicos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

08 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai apenas uns días, a finais de agosto, cumpríronse 32 anos do paso por Carballo (e por toda a comarca, AC-552 mediante) do gran aeroxerador AWEC-60, o que daquela era o muíño de vento máis grande de Europa, que se inauguraría un tempo despois, en 1990, en Cabo Vilán. Nun parque que se chamou Vilano, por certo, e ao seguinte, xusto ao lado, puxéronlle Vilán, o que causou non poucas confusións. Daquela os parques eólicos tiñan moi boa fama, era a revolución que viña. O AWEC ese era o maior de Europa, e iso que á vista das tallas de hoxe non era nada, con aspas de 30 metros e unha potencia de 1,2 megavatios.

Uns decenios despois, cando os muíños foron a máis, empezaron a xurdir movementos veciñais de protesta. Dos de verdade, con asembleas a tope de xente, con propietarios realmente enfadados. Eu acudín a varias. Non era unha plataforma pantasma feita por un señor ou señora que vivía fóra da comarca e creaba unha conta de Twitter (non existía) e autodenominábase «plataforma intergaláctica». Era xente real (si, xa sei que agora tamén as hai e con motivos, como hai outras que menos) e, claro, pelexaron e lograron moito a cambio. Mesmo parar proxectos. O de sempre: empresas que buscan acordos e outras que non, proxectos especuladores e outros serios; iniciativas que atacan lugares importantes e quedan en nada, e outras que só van a montes pouco produtivos, e a cambio danlle centos de millóns de pesetas (das de antes) a donos e concellos (que invisten, contratan xente, financian servizos...). Non todo vale, pero o que pode valer, ten que traer moito a cambio. E temos uns cantos exemplos.