El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
PLUMAS CON MANDO | A Costa da Morte é un xeodestino de notable importancia turística | Escribe Nava Castro, directora de Turismo de Galicia
05 sep 2021 . Actualizado a las 23:35 h.Na Costa da Morte, coma territorio xacobeo destacado, non é difícil escoitar esa expresión tan habitual entre os peregrinos e as persoas que se cruzan con eles pola que se desexan unha feliz travesía pronunciando «bo camiño». Un camiño libre de sobresaltos con final feliz como o que comezou a trazarse este verán no eido turístico, cando ao analizar os datos de ocupación hoteleira do mes de xullo, observamos como Galicia rexistra o 81 % máis de visitantes e o 73 % máis de noites que o ano pasado. O turismo en Galicia pechou xullo cunha evolución 20 puntos mellor que a media nacional e o número de viaxeiros descendeu un 10,7 % na comunidade respecto a xullo de 2019, case 20 puntos menos que a caída de case o 30% no conxunto de España.
Na Costa da Morte, a comparativa interanual sitúa estas cifras de ocupación por enriba dos niveis do pasado ano -concretamente cunha suba do 59% no volume de noites- mais tamén superan os valores previos á pandemia, de 2019: nun 2,5 % a cifra de viaxeiros aloxados e nun 10,8 % o volume de noites.
O forte incremento do mes de xullo de 2021 permite non só recuperar os niveis de demanda perdidos durante a crise, senón superar os valores previos á pandemia. Con isto, os hoteis e pensións da Costa da Morte acadan agora en xullo a segunda cifra máis elevada da serie histórica, só por detrás do valor de 2017 -cando se achegaba ás 49.000 noites-.
Con estas cifras a Costa da Morte sitúase neste mes no grupo de xeodestinos de notable importancia turística con ausencia de destino urbano dentro dos seus límites. Equipárase neste sentido a zonas como a Mariña Luguesa ou a Ribeira Sacra, con niveis de demanda semellantes. O 92 % da demanda corresponde ao turismo nacional -que engloba ao interno e ao que procede do resto das comunidades autónomas- mentres que o 8 % restante é de orixe internacional, un segmento con tendencia a medrar nas próximas tempadas cando se xeneralice a mellora sanitaria en relación á influencia do covid-19 e se reactiven as viaxes internacionais.
Neste mes obsérvase un excepcional comportamento do mercado nacional, que supera as cifras do pasado ano nun 52 % o segmento nacional que recupera plenamente os niveis previos á crise. De feito, marca un máximo histórico de demanda nacional con preto de 40.000 noites.
Por outra parte, a estadía media hoteleira na Costa da Morte supera nun 11,7 % o dato do pasado ano e nun 8,1 % a cifra de 2019. Supera os valores previos á pandemia de tal maneira que marca neste ano a cifra máis elevada desde o 2013. En termos de oferta a Costa da Morte rexistra un importante nivel de recuperación neste mes. Coloca no mercado non só un 15 % máis de prazas que en xullo do pasado ano senón que supera o nivel rexistrado en 2019: nun 3,4 %. Con pouco máis de 2.900 prazas a Costa da Morte volve a niveis de 2017.
O bo comportamento da demanda acontece por tanto nun contexto de incremento da oferta dispoñible o que afecta ao nivel de ocupación, e neste caso o mellor comportamento da demanda fronte á oferta -incremento de maior intensidade- leva a unha mellora do nivel de ocupación -de 13 puntos en relación a xullo de 2020 e de máis de tres puntos en comparación co 2019-. Cun 47,1 % de media a Costa da Morte rexistra a segunda cifra máis alta da serie histórica, só por detrás do dato de 2017. No eido do turismo rural, a recuperación leva a mellorar as cifras do pasado ano -nun 32% o volume de noites-. Supérase a cifra de viaxeiros aloxados de 2019 -nun 7,1%- e o volume de noites fican preto do 90% do daquel ano.
Son estes, datos esperanzadores que sitúan a este xeodestino na senda, no só da recuperación turística, senón tamén na da consolidación coma un dos destinos interiores máis prometedores e con máis futuro na comunidade galega, que presenta unha oferta axeitada para eses viaxeiros que demandan lugares seguros en contacto coa natureza, con destacados recursos culturais gastronómicos e aloxamentos de todos os niveis.
Queremos agradecerlle aos empresarios e traballadores relacionados co turismo xa que sin a súa comprensión e o eu esforzo non sería posible obter tan bos resultados. Grazas tamén por esta oportunidade que se nos brinda para compartir cos lectores esta breve análise da coxuntura turística na Costa da Morte e felicidades a todo o sector deste xeodestino e a todas a institucións e entidades implicadas na promoción e xestión do turismo que neste territorio marcha polo bo camiño.