Isabel Naveira: «A Furna Furada en Carballo é un sitio espectacular, tremendo»

nicolás pose / s. g. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Caión, na Laracha, é o areal de referencia para Isabel Naveira á hora de gozar do verán
Caión, na Laracha, é o areal de referencia para Isabel Naveira á hora de gozar do verán ANA GARCIA

A REMOLLO | Logo dun parón pola pandemia, a actriz volve a ensaiar para un proxecto. Así fala sobre a Costa da Morte e sobre ese Buraco do Demo, como na serie Néboa lle chamaban

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Isabel Naveira recupera a actividade logo dun parón forzado pola pandemia. Cunha obra teatral volve á acción despois dun ano sen case rodaxes. Un dos seus últimos traballos, galardoado co premio Mestre Mateo á mellor serie, Néboa, é unha produción de misterio cunha ambientación especial: a Costa Ártabra. Porén, tamén se rodou en lugares como a praia cabanesa de Rebordelo ou a Furna Furada de Carballo. Unha nova oportunidade para que a actriz en éxitos galegos como Serramoura ou Mareas Vivas, serie coa que xa explorou a zona, redescubrira a súa área de descanso estival preferente

-Cando nace ese vínculo coa Costa da Morte?

-Pois desde que nacín. Miña nai e miña avoa eran de Corcoesto e meu pai, de Coristanco. Ademais, os de Arteixo sempre tiramos para esta zona pola proximidade.

-Como foi explorar a zona rodando Mareas Vivas?

-Naquel momento estaba descubrindo a Costa da Morte, porque Corme e Laxe aínda non os coñecía moito, pero estou encantada de coñecer un entorno tan marabilloso.

-E agora a Costa Ártabra con Néboa?

-Descubrín moitos novos lugares, porque o norte é o gran descoñecido de Galicia. É unha zona impresionante, tremenda e espectacular.

-Unha das localizacións onde se gravou a serie foi o sanatorio de Cesuras. Como era rodar nun lugar así?

-Daba un pouco de medo polo desvencellado que estaba, polos buracos e a falta de varandas nas escaleiras. Cantas historias habería alí dentro. Unha cousa que podo asegurar é que era un lugar moi frío, sobre todo de noite.

-Dos lugares que visitou mentres rodaba, con cal se queda?

-Das rodaxes quedaría, sobre todo, con lugares que vin en Néboa. Hai varios, pero escollo o que na serie é o Buraco do Demo. A Furna Furada en Carballo é un sitio espectacular, tremendo. Na zona de costa limítrofe con A Laracha. Cando había marea alta baixabamos con arneses polas paredes de rocha e, cando estaba baixa, entrábamos por mar gabeando polas pedras. Penso volver a visitala cando poida.

Furna Furada de Carballo. En Néboa, O Buraco do Demo
Furna Furada de Carballo. En Néboa, O Buraco do Demo BASILIO BELLO

-Como lle afectou a pandemia?

-Afectoume moitísimo, pasei dunha época de moito traballo a estar un ano parada. Agora parece que a cousa se recupera un pouco e o mundo volve a virar.

-Como é traballar coas medidas de seguridade?

-Cando volvín a rodar no proxecto de Sofía Casanova, a obreira do pensamento foi unha cousa estraña e moi complicada. Probas anticovid tódolos días, estar quitando e poñendo a máscara coa maquillaxe. Ademais, son de natureza tocona e custábame non achegarme a dar abrazos e bicos aos meus compañeiros.

-Como é traballar en web series como Amnesia 3.0?

-Quero felicitar a Carballo pola súa gran programación cultural, porque o Interplay abre unha ventá a estes proxectos como nos que traballei. Son rapaces novos, formados e con moito talento e ilusión. Só lle faltan cartos e medios, pero acadan uns resultados divertidos e de calidade.

-Ve alguén en concreto que teña potencial?

-Lucía Estévez ou Irene Pin, coas que traballei para Xan e para Amnesia 3.0. Espero traballar algún día con elas en proxectos maiores, con máis cartos, porque o merecen. Esta nova xeración está facendo un moi bo camiño, con moito talento, gústame por onde vai a cousa.

-En que proxectos está centrada agora?

-A principios de setembro volvo ao teatro, a subirme ás táboas, cunha obra titulada, provisionalmente, Cigarreiras, unha adaptación feita por Cándido Pazo de A Tribuna, de Emilia Pardo Bazán. Imos comezar os ensaios axiña, aínda que se me cae a baba coas miñas sete compañeiras, son todas moi boas actrices. Estrearemos o día 24 e 25 de setembro no teatro Rosalía de Castro, de A Coruña. Espero que o aforo non sexa moi limitado. Se todo vai ben, tamén estamos pensado en facer unha pequena xira por Galicia e, ao mellor, pasamos pola zona.

Isabel Naveira, en Néboa
Isabel Naveira, en Néboa Moncho Fuentes

Máis de preto

Mar ou montaña? Máis de mar, non sei se por costume ou porque a montaña me parece máis complicado, pero gústanme os dous. O único que non soporto é o inverno e a neve.

Carne ou peixe? Iso é moi difícil, non escollo.

Probou os percebes do Roncudo? Probei e son espectaculares, sempre que veño pola zona próboos. Pero coidado cos da Torre, que tamén son moi bos.

É de andar de tapas? Si, por suposto. É das cousas que máis me doen da pandemia. Boto de menos andar de viños e non sei como estes bares se van a recuperar.

Onde se sentaría a ver unha posta de sol na Costa da Morte? Practicamente en calquera praia, pero escollo Balarés. Eu xa ía de nena e, agora, de maior recupereina.

Probou a auga da Praia dos Cristais? Si, pero fai moitísimo tempo e recórdoa fría. Agora din que a praia cambiou moito.

Sabe cal é a catedral do megalitismo? Diría que o dolmen de Dombate.

Coñece a Eduardo Pondal? Coñezo, si. Lin algo cando estudaba e redescubrino cunha obra teatral. Sorprendeume que chega a mencionar a Meicende.

Como sería a súa tarde de verán perfecta? Sería, primeiro, ir a comer a un sitio chulo. Ir á praia sobre as seis e acabar vendo a posta de sol tomando algo. Non son de ir á praia a tomar o sol toda a tarde.

Luis Iglesia ou Luis Tosar? Non podo escoller. Imposible. Os dous teñen algo en común, que son dous grandes compañeiros. Escollería facer unha película cos dous.