Por parroquias

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Estes días de tanta calor polo resto da Península moitos mapas de temperaturas se teñen compartido polas redes. Eses nos que se vía que en certas provincias estaban a punto de ferver, e por aquí polo noroccidente pasabamos por nada dos 20 graos como moito. Dous mundos, xa o sabemos.

O que eu boto de menos é un mapa de temperaturas por parroquias. Esas ás que o Estatuto de Autonomía de Galicia lles recoñece personalidade xurídica propia, o que son «entidades locais propias de Galicia», como se o tivese que dicir o texto ese. Estaría ben que posuíran tanta capacidade administrativa como teñen as freguesías portuguesas, coas súas xuntas e os seus edificios, pero nunca veremos tal. Poucos elementos hai tan identitarios e que resumen a forma de ser galega, tanto a de vivos coma a dos mortos (a Rolda só pasea de noite polos seus límites territoriais, como non podía ser doutro xeito), pero que pouco valorado está. Xa hai quen lle perdeu o sentido todo e só as asocia a unha igrexa, igual que nas cidades. Pero tamén hai (e moitos) os que din antes que son de tal parroquia ca de tal concello. Isto dá para moito, así que ao que ía: falta un mapa de temperaturas por parroquias. Porque estes días pasamos dunha a outra e cambia o tempo. Creo que isto xa o sabían os castrexos, que son os culpables dos lugares que as conforman, aínda que iso non podo probalo. Nunha parroquia hai apelidos, palabras e costumes que non coinciden de todo coa do lado. Pois co tempo ocorre igual, aínda que non en todas nin sempre. A menos de tres quilómetros pasas de ter algo de frío a ter que sacar a chaqueta; e de nubes, a sol. Así é esta vida.