Micro, macro

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

13 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte en Radio Voz, o arqueólogo Lino Gorgoso, que é de Santa Comba e coñece ben esta comarca, falaba do traballo que dirixe en Brandomil facendo catas nunha posible vía romana, alí cerca de Limideiro. Brandomil lémbrame algo a Atapuerca, cando Arsuaga nos explicou a un grupiño de xente os estratos da Gran Dolina: cada un tiña restos dun período milenario, alí todos xuntos, algo abraiante. Coa parroquia de Zas igual pasa o mesmo, tal é a súa riqueza (ollo ao monumental castro aínda sen investigar), pero non era iso o que quería comentar. Citaba Lino que algunha xente maior aínda lembraba o vello camiño que usaban os de Limideiro para ir á igrexa, que é a traza na que agora están investigando, e que quedou esmorecida despois da parcelaria dos anos sesenta. Ten o seu aquel: camiños centenarios ou milenarios que desapareceron coas grandes obras que nos ían traer o progreso agrario. Certo que para uns sitios, si. Para outros, os que van quedando sen xente, non. Morreron, en tantos lugares, eses camiños e tamén os regos históricos, e valados que seguramente viñan dalgún momento do Medievo. E nomes, morreron moitos nomes. Miña avoa aínda segue mirando para determinados puntos dun herbal ou dunha leira e di: ese cacho chamábase tal; aquel, cal; aqueloutro, así; aí ía un carreiro, alí un esqueiro. Falar dela con isto (fágoo dende neno) é como usar holografías de microtoponimia, como unhas gafas coa realidade aumentada. Claro que aquí a tecnoloxía é a memoria de miña avoa, de tantísimas avoas e avós, que conservan denominacións inmutables centos de anos, e coas macroparcelarias marcharon para sempre.