Herba seca

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Hai moitísima xente nova, eu diría que toda, que nunca saberá o que é a herba seca. No libro Anacos do rural, do que se escribía onte nesta Edición, a portada é un carro cheo dela, coas vacas diante, unha persoa arriba colocando e varias botando arriba coas ghalladas. Isto está desaparecendo absolutamente. Quedan efectos secundarios: por exemplo, facer o mesmo cun tractor, sen vacas, pero esas estampas que formaron parte da historia de Galicia durante centos de anos morren para sempre. No seu momento non nos decatamos, pero somos as últimas testemuñas, o mesmo que o somos da xente que di que viu a Rolda, dos derradeiros que levaron o gran a moer ao muíño do río, dos que estraron as cortes con mato, ou de quen aínda apañaba toda a herba coa gadaña. Eu quedeime na metade de todo isto, e algunhas aínda as vivo. Sobre todo a herba seca, e todo o que significa: os arrecendos de cando se corta e se estende; esa naviña de cando se vira, xa medio seca. As andoriñas que fan rasantes cando a recolles na procura de partículas invisibles aos nosos ollos e que son o seu alimento.

A inmensa satisfacción, comparable a poucas cousas, de ver toda a pradería recollida, e a herba ben gardada nas barras: non hai nada coma iso.

Como este xullo foi dos peores que lembro para o traballo agrario, aínda vexo a moita xente en agosto recollendo a herba. Facendo caneiros para as pacas, cortando a toda présa. Creo que nunca tanto se falou dela coma desta vez na que tanto se tardou en facer o traballo. E como había tempo para pensar, eu lembreime daqueles palleiros que faciamos por se chovía, antes de levala para a casa: a nosa prehistoria más próxima.