Plumas con mando | A Costa da Morte, referente solidario

marisa lópez garcía

CARBALLO

A excelente evolución na doazón non é froito do azar, senón dun traballo conxunto. Escribe Marisa López García, directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue 

01 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar de Galicia é falar de solidariedade e de xenerosidade, verbas das cales son todo un referente as xentes da Costa da Morte. Na Axencia de Doazón de Sangue e Órganos somos sabedores do privilexio que supón contar co decidido compromiso de todos os cidadáns e das corporacións municipais, navegando a prol dun obxectivo común: a creación cunha conciencia social favorable á doazón de sangue.

A presenza das nosas unidades móbiles forma parte xa da fermosa paisaxe destas terras desde hai máis dun cuarto de século, convertendo aos veciños e veciñas da Costa da Morte en todo un referente de solidariedade. As cifras falan por si mesmas, ratificando a excelente evolución da doazón de sangue en concellos da contorna, como Corcubión, Zas ou Cee, con índices de doazón moi superiores á taxa media de Galicia. Pero non podemos reducir a un mero díxito o compromiso dos doantes e a colaboración brindada desde infinidade de colectivos dos municipios das bisbarras de Bergantiños, Fisterra e Soneira.

A todos os recunchos

Chegamos coa nosa mensaxe solidaria a todos os recunchos de Galicia, mesmo as terras do fin do mundo, a Finisterrae, nun ano cargado de simbolismo como este no que o Camiño de Santiago nos une a todos os galegos e galegas, igual que o sangue, que centra a nosa actividade, esencial para o noso sistema sanitario do que forman un chanzo indispensable os nosos doantes de sangue. Estamos a vivir momentos especialmente delicados por mor da pandemia sanitaria que transformou as nosas vidas a comezos do ano pasado e que pon a proba a nosa solidariedade unha vez máis. Non podemos esquecer que, ademais do covid-19, o noso sistema público de saúde atende a milleiros de doentes que precisan do sustento hemoterápico que tan só podemos obter das doazóns de sangue. As xentes da Costa da Morte, nestes meses de dificultades engadidas, ratificaron o seu compromiso solidario e contribuíron, en todo momento, a manter as reservas axeitadas dos distintos grupos sanguíneos para sustentar o intenso labor dos nosos centros hospitalarios.

Exemplos como o IES fisterrán

A excelente evolución e resultados de participación non son froito do azar senón do traballo conxunto desenvolvido coas corporacións municipais, empresas, centros educativos… Neste punto, non podemos deixar de mencionar o imprescindible traballo de información e sensibilización desenvolvido por centros educativos como o IES Fin do Camiño, tantas veces galardoado polo seu compromiso coa doazón de sangue e sementando a solidariedade dos máis novos e novas para permitir, deste xeito a fundamental renovación da base de doantes en Galicia.

Estamos a falar de verbas e de números que nos permiten exemplificar a xenerosidade da veciñanza da Costa da Morte, pero non podemos pechar estas liñas sen falar dun sentimento de agradecemento profundo e sincero a todos e cada un dos veciños e veciñas, nalgún momento das súas vidas, teñen dado o paso de converterse en doantes de sangue. A todos eles e elas, vai o noso agarimoso recoñecemento.