En primeira persoa | Esa vida de artista itinerante

Yago Espasandín Lista

CARBALLO

BASILIO BELLO

Escribe o actor cabanés Yago Espasandín | Nas teatralizacións procuro que o meu humor estea baseado na humanidade e que teña retranca

13 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Isto de escribir en primeira persoa a min paréceme algo moi difícil, se fose falar creo que xa o podería facer mellor, e quen me coñeza, aínda que non sexa moito, sabe moi ben que é así. Seguramente se escribise isto hai un ano, escribiríao dun xeito ben distinto a este, pero se o escribo dentro dun mes, tamén será moi diferente, así que imos comezar a ver que pasa.

Crieime e vivo en Cabana de Bergantiños, de fronte á ribeira, naquel lugar onde quixeras vivir neses anos onde se vestía de chapeu e chaleque, e onde se mirabas ao teu arredor, parecía algún porto de terras británicas.

Fago teatro dende que teño uso de razón e seguín porque tiven unha persoa que me ensinou a facelo e a querelo, cousa que non puiden esquecer no meu proxecto final de carreira, o cal lle dediquei con estas verbas: «Grazas por espertar o xerme que naceu dentro de min».

BASILIO BELLO

Despois dese primeiro xogo da caixiña, entre moitos outros, seguín facendo aquilo ata que un día, xa rematando a primaria, dinme conta de que pasaba a semana facendo teatro e de que, mentres eu seguía, outros marchaban; porque non podían, porque facían outras actividades, ou porque xa non lles gustaba, pero eu seguía, seguía sentindo aquilo que sentín cando me puxeron no salón de actos da escola, vestido de galo e diante de toda aquela xente. Durante o instituto poucas cousas cambiaron, eu seguía facendo aquilo sen facerme moitas preguntas, nun contexto de adolescencia e educación secundaria obrigatoria.

Chegou a época de bacharelato e fun camiño de Baio, onde, se non tiña xa abondo co teatro que facía na escola municipal de Cabana, embárcome no grupo do instituto. Aquelas horas de ensaios eran o único respiro, nun segundo ano de bacharelato tan canso como longo.

Era xuño de 2015 e había que tomar aquela decisión na que tantas veces pensara, facer ou non Arte Dramática. Teño que dicir que o proceso da toma de decisión non foi moi longo, porque estaba claro. Durou catro anos, nos que rin, chorei, traballei, gocei, pero sobre todo, e o máis importante, aprendín.

BASILIO BELLO

Aquel venres de xuño do 2019, cando me graduei en Arte Dramática, foi, sen dúbida, un dos días máis felices da miña vida, no que non podía deixar de recordar aquela función de segundo ano, onde, despois dun ano e medio de carreira, me puiden desprender dos nervios e fun capaz de escoitar de novo os aplausos do público.

Neste traballo a formación é continua e despois de vir de Vigo seguín, e sigo, formándome en cámara, dobraxe, cursos de voz… E no medio de todo isto van nacendo proxectos, ós que me sinto vinculado, que non se quedan só en actuar ou en dar unha clase. Hai unha vinculación: coa temática, coa historia, coas persoas, co espazo, en resumo, co noso. Sen esquecer ese desexo de traballar con esas compañías e profesionais, que foron, dende sempre, os meus referentes.

A retranca

No referido ás visitas teatralizadas que veño facendo dende hai un tempo, polo xeral, aínda que non en tódolos casos, son comedia. Procuro sempre que sexa un humor baseado na humanidade e sensibilidade, e dende logo nunha gran retranca da que non podo escapar aínda que queira. Recordo nunha ocasión, ensaiando unha traxedia na carreira, a miña profesora, despois dun dos primeiros ensaios da peza, díxome: «Yago, non é posible que ata un tenente nazi, na Segunda Guerra Mundial, en Alemaña, fale con retranca». Isto é algo do que eu non fun consciente ata tempo despois.

Esta frase faime pensar na natureza, na idiosincrasia que impregna o xeito que ten cada quen de facer as cousas, que dende logo é moi notable nos traballos de índole artística.

Os meus amigos sempre me din: «Para quedar contigo, hai que pedir audiencia». E é que sempre encontro algún proxecto co que involucrarme, ou poida que sexa tamén por ese costume meu de coller vinte traballos a un tempo, aínda que despois sufra cando as horas do día non me dan para todo.

Teño un respecto enorme á profesión, e cada día máis; o noso traballo non é subirse alí e que che aplaudan, ou poñerte diante dunha cámara e falar. Detrás diso hai todo un traballo que non se basea todo nunha intuición da natureza, nin nunha ciencia infusa, senón en formación, técnica, traballo, ensaio e oficio.

BASILIO BELLO

Son unha persoa obsesionada co traballo e un inconformista amante da historia. Teño espacial debilidade polas fotos antigas e calquera papel ou obxecto que non sexa deste século. Para min, o mellor dos plans, para despexarme das preocupacións: estrada, música e boa compaña.

Plans de futuro

Coller o retiro non está nos meus plans, e, aínda que sexa moi cedo para pensar niso, gústame fantasear coa idea de que vou ter noventa anos e sigo no escenario, cambiando de aldea e de cidade, con esa vida de artista itinerante que tanto me chamou sempre a atención dende que era cativo.

Non sei se vou estar toda a vida sendo actor e tampouco sei se vai ser enriba dun escenario, no medio dun castro, ou diante dunha cámara, pero, de seguro, o meu traballo estará vinculado coa cultura.

Non quero rematar estas liñas sen dicir que estas terían que estar cheas de nomes propios, pero se os puxese ocuparían, sen dúbida, toda a páxina, porque, ei de recoñecer que teño a gran sorte de ter xente moi boa ao meu carón. A todas esas persoas: grazas.

Uns apuntes biográficos

De Cabana, Yago Espasandín naceu no 1996. Formouse en Interpretación Xestual pola Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e compaxina os seus traballos de interpretación coas teatralizacións históricas. Púxose na pel, durante os últimos anos, de persoeiros como Frei Martín Sarmiento, un castrexo de Borneiro ou o bardo Pondal.