Ser poeta

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

31 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Platón dicía que, co contacto do amor, todos nos volvemos poetas. Quizais poucas citas agochen tanta sinceridade. A Costa da Morte celebra os 25 anos do Batallón Literario da Costa da Morte, un colectivo que deu mostra do prolífico da literatura na nosa zona xeográfica. Persoeiros que continúan no mundo da escrita e outros que se foron diluíndo co paso do tempo. O Batallón literario formárono moitas máis persoas das que actualmente se pensa. O mesmo pasou con outros grupos como o Blas Espín. Máis aló de todo, da visión dos integrantes despois de dous decenios e un lustro, para min representa algo moito máis importante.

Estes colectivos foron o alicerce da creación conxunta, das sinerxías entre autores que estaban nacendo e se estaban impregnando en novos estilos, temáticas e causas sociais como a preocupación polo medio ou polo patrimonio cultural e histórico da nosa zona xeográfica. Resulta formidable que naquel momento se concentrase unha cantidade tan inxente de escritores e escritoras noveles. Os mesmos que, a través do tempo e en maior ou menor medida, foron conquistando os maiores certames de poesía e narrativa de Galicia, consolidando unha obra que xira en gran medida sobre a Costa da Morte. Calquera que escriba pode sentir un referente na reivindicación, na loita e a frescura daqueles mozos aguerridos que escribían ca única premisa de impulsar a creatividade. Moitas veces eu, que levo moi pouco escribindo, sinto a rotundidade do individualismo que ás veces percibo cos meus coetáneos. Envexo un tanto nacer noutros tempos onde xurdía amizade e letras en pequenos bares e revistas comarcais que lle deron sona e posteridade ao Batallón.