Teleoperadores

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

10 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un médico non é un teleoperador. Non é un vendedor de produtos por liña. Tampouco está formado para atender aos seus pacientes unicamente escoitando a súa voz ao outro lado do teléfono. Non poden monitorear as súas constantes mediante a voz nin ter un polígrafo para acreditar que os síntomas son verídicos e sen distorsión. Moitas veces as evidencias dun diagnóstico son plenamente visuais ou ao tacto. Elidindo estes dous sentidos tamén se reduce a calidade da atención presencial.

O tempo de espera para unha analítica é un mes e unha semana. Acredítoo por min mesma, que teño que facer en breve esta proba. Pregúntolle á nosa Consellería de Sanidade se lle parece normal un tempo de espera tan amplo para unha proba tan simple. Non quero pensar na demora que se produce en probas oncolóxicas ou de enfermidades crónicas.

Non acredito tampouco como a Xunta de Galicia se pon a regatear co plus de presencialidade, xerando máis descontento e acritude entre os sanitarios. Hai algo máis dun ano, ao inicio da pandemia, o noso presidente anunciaba o cese da atención presencial, deixando aberta a posibilidade de que esta fose unha metodoloxía a longo prazo.

Inténtase confundir á cidadanía co concepto de que se evitan riscos para camuflar as carencias de encadeamentos de contratos, falta de persoal e deficiencias arquitectónicas que imposibilitan a correcta ventilación nos centros de saúde. Non hai máis palabra ca unha neste aspecto: precariedade. Namentres, os nosos políticos sempre que teñen un atril diante énchense a boca dicindo que temos un dos sistemas de saúde mellores do mundo, loando a ese equipo médico que levan deostando durante anos. A sanidade pública só se coida investindo nela.