Miña bonita

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

27 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos nun tempo de pontífices a eito. Proclamadores de verdades universais que apenas se sosteñen máis alá do pequeno círculo íntimo. Non hai como mergullarse nas contradicións. O cerebro tamén necesita exercicio, ao igual que os bíceps ou os soleares. E a imaxinación. As certezas absolutas na historia son moi difíciles de manter. Por iso, un agradece eses exercicios de recreación, e máis se se trata de episodios da nosa bisbarra. Sobre todo se se intentan facer con honestidade.

Alá polo mes de decembro, saía do prelo a novela titulada Ola miña bonita, unha obra moi pegada a Fisterra, sobre todo, pero na que o seu autor, Roberto Traba, busca a recuperación da historia da invasión francesa á Costa da Morte e destacar e homenaxear a un personaxe como o Valente de Fisterra, Antonio Traba, que navegou con Nelson, estivo en Trafalgar e librou da morte a George Borrow, o vendedor de biblias. É unha obra que aparece inzada de lendas, ditos populares, refráns escritos cunha linguaxe que lle é moi propia ao autor, que non dubida en botar man da retranca e das viravoltas coloquiais moi propias dese lugar que pon proa ao Atlántico. E, como non, unha historia de amor, a de Antonio e Antonia, a estanqueira de Corcubión.

Dicía Traba que quería escribir un relato sobre o Valente, pero fóiselle ás 400 páxinas, que adquiren moita máis velocidade cara un final trepidante. Unha visión sobre a presenza do exército de Napoleón na Costa da Morte, cos crimes e barbaridades que Roberto Traba vai describindo. «Liberdade ou morte» é como o lema da obra, que, polo menos, acaba co Valente en paz consigo mesmo.