Luz de Badius

CARBALLO

21 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ser imaxinario do que oín falar nunha ficción televisiva que tiña moito máis de realidade que algunha das realidades que vendemos nas redes sociais, desfixo os dedos rascando nunha parede. Vía nela unha mancha e por máis que limpaba, a mancha non saía. Nin sequera pintando, nin sequera tendo eliminada a pintura, nin sequera botando abaixo a parede mesma. Non desaparecía porque esa mancha non era outra cousa que a sombra propia e contra esas é difícil loitar. A da pandemia, dende logo, vai ser perenne.

Mudouno todo, a vida diaria, a concepción das catro paredes nas que habitamos, a forma de traballar, a forma de entender o que é vivir. Unha dramaturga, Esther F. Carrodeguas, dicía hai pouco nestas páxinas ao fío do espectáculo 32 m2,, sobre o confinamento, que non só a obra en si era teatro do absurdo.

Tamén todo isto que nos está pasando ten algo diso, o estar pendente das restricións cada xornada, o funcionar a ritmo de DOG. A uns fíxoos volver á horta e a outros redescubrir os negocios da porta da casa. Claro que hai luces no medio destas sombras, dos nenos nacidos e criados entre uns brazos limitados en apertas, entre uns sorrisos ocultados por máscaras. A cultura trae boa parte desa esperanza.

É fortuna que, aínda en formato reducido, non se deixase de programar de todo nesta comarca. A pandemia mudou a danza, mudou o teatro. Pero aí segue. Este vindeiro sábado tócalle a uns da casa. Despois dun ano e catro meses volverá a subir ao escenario o grupo Badius, de Baio. Será en Vimianzo, coa obra A peregrinaxe, para pechar o ciclo de primavera soneirá. As prazas son limitadas. Oportunidades para espelir as sombras.