Carballo: Plumas con mando | Medalla de ouro para a Costa da Morte
Escribe Valentín García, director xeral de Política Linguistica | Os galegos desta zona xogan un rol fundamental na permanencia da lingua
Carballo / La Voz
No mundo conviven arredor dunhas sete mil linguas. Algunhas contan con milleiros de falantes, mentres que outras non chegan á centena. Por iso, hoxe, e dende que así o declarou a Unesco no ano 1999, celebramos o Día Internacional da Lingua Materna na defensa da diversidade lingüística. Para poñernos en situación, a lingua materna é, segundo recolle o Instituto Cervantes, a primeira lingua que aprende un ser humano e que normalmente se converte no seu instrumento natural de pensamento e comunicación.
En Galicia, tal e como indica o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, a lingua propia é o galego, pero tanto o galego como o castelán son idiomas oficiais, de modo que todos temos o dereito de coñecelos e usalos non podendo ser discriminados por razón da lingua. Así, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) no ano 2018, o 30,57 % da poboación de Galicia fala sempre en galego fronte un 24,40 % que o fai sempre en castelán. En canto á lingua materna, o 42,19 % dos galegos aprende a falar en galego, mentres que un 31,72 % o fai en castelán, e un 23,68 % aprende nas dúas linguas. Deste xeito, segundo amosan os datos, a lingua materna dos galegos e galegas segue a ser, primordialmente, o galego.
E que papel teñen os bergantiñáns na subsistencia do galego como lingua materna? Pois un crucial, porque se profundizamos un pouco máis atopamos que a Costa da Morte, na que encadramos Bergantiños, é a segunda comarca de toda a comunidade galega con maior porcentaxe de poboación que fala habitualmente sempre no idioma galego, ou máis galego ca en castelán, cun 92,43 % dos seus habitantes. Só estarían por diante, e cunha diferenza apenas perceptible, as áreas da Coruña suroriental. En canto os galegos aos que os seus pais e nais lles falaban sempre en galego ou máis galego ca castelán, Bergantiños, e o resto da Costa da Morte, levan a medalla de ouro cun 95,08 % da súa poboación. Non hai dúbida de que esta comarca xoga un rol fundamental na permanencia e legado da lingua do noso país.
Premios nas escolas
Pero o galego non é só o idioma de maiores en Bergantiños, senón que o ensino e os máis cativos tamén fan gala do emprego da súa lingua materna. Proba disto son os premios ás curtas de animación en galego Nós tamén creamos!, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa CRTVG e OQO editora, que promoven unha relación positiva dos rapaces co galego. Dos tres galardóns que acaban de concederse, dous foron outorgados ao CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo e ao Ramón Otero Pedrayo de A Laracha. Ademais, da man do Concurso-Exposición Letras Galegas, impulsado pola Xunta, este mesmo colexio de Carballo, que xa gañou en tres ocasións anteriores; ilustrou nos últimos anos o 17 de maio cos seus fermosos traballos en máis de dous mil puntos de Galicia e do exterior.
Neste Día Internacional da Lingua Materna, beizón a toda a xente miúda e a toda aquela que axuda no importante labor de sementar e prender a querencia polo idioma propio. En Bergantiños e en calquera outro lugar do mundo. Veñan mil primaveras máis para querelo e celebralo.
Comentarios