O entroido do Couto | Escribe a Asociación Cultural Monte Branco

asociación cultural monte branco

CARBALLO

Comparsa de entroido no Couto, aló polo ano 2000
Comparsa de entroido no Couto, aló polo ano 2000 No disponible

Nestes días tristes vennos á lembranza eses felices momentos de unión, liberdade e creatividade: queremos seguir a avivar o lume

20 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa vai para corenta anos (39, para ser exactos) en que na aldea do Couto, como quen dis uns ninguén, ideamos un proxecto cultural que aínda hoxe permanece vivo e vizoso. Iso si, non esquecemos de cando en vez botarlle unha rachiña que avive o lume. Un dos feitos que nos fai singulares é o Entroido ou Antruido, como lle dicimos por aquí. Bebemos da tradición dos máis vellos do lugar: o señor Manuel O Borneirán, a señora Lola de Mato e o señor Manuel de Suárez aportáronnos datos para a nosa publicación A Insua. Do bando Do colorado: O bando do Colorado/cando chegou a Malpica/pregúntanlle os de Malpica/¿Eses mozos onde son? Non lle contestou Andrés/porque se encontraba rouco/Pero contestoulle Arturo/ somos os mozos do Couto. Das disputas dialécticas: A regueifa tan a mesa/no medio ten alfileres/que non se reparta nada/sen permiso das mulleres. Dos bailes amenizados diante da casa de Serafín o xastre, no Quinteiro ou no cabanote de Euxenio polo Cegho do Puto de Tella ou algún músico da banda de Corme, o xogho do ghalo nunha leira de Quintáns ou o enterro do antruido.

Cóntanos o señor Manuel, que casara no Briallo pero que viña de Borneiro, que era unha celebración tan importante coma o día do patrón. Comunicóunolo nunha entrevista hai 40 anos e el xa era un mozo que pasaba dos oitenta. «O enterro consistía nun manoxo de palla con trapos e levábase nunha paralloa para enterrar nunha leira. Aló na tardiña que lle chaman de ceniza enterrábase nunha leira: ían os homes sós, as mulleres miraban de lonxe».

Naqueles felices oitenta disfrazámonos, percorremos salas de festas na procura dalgún premio que nos permitise sobrevivir economicamente. Participamos en concursos nas salas de festa ou discotecas da época (Teyma, A Vieira, Pazos da Laracha, ou incluso La Flor de Montouto ou a Zeus de Campolongo) no inesquecible camión de Vicente coas singulares carrozas que nos amañaba Manolo do Cura e que unhas veces pintaba e outras non… Aqueles premios (non tivemos ningunha axuda institucional do 82 ao 87), xunto co bochinche itinerante que movíamos polas festas da redonda permitíannos soster aquelas actividades e axudábannos a soñar coa futura Casa dos Veciños, «un lugar onde xogar, ler , representar…». Asinamos unhas coplas do ano 87 co mestre Calviño de Tallo para o Enterro da Sabrina facendo referencia a acontecementos do ano ou ao barco Cason: «Cuidado con Micaela/co lume ter precaución/non vaia ser que no medio/teña restos do Casón. Neste caso ía desembocar a cousa no enterro da Sabrina. Acompañámola á vila de Ponteceso onde moitas veces ,e sen cobertura oficial, xuntabámonos con outras comparsas de Tella ou Neaño. Non faltaba nestas coplas reivindicar para conseguir melloras veciñais e sociais: «Traédenos unhas luces/facemos reclamación/porque penso que os do Couto/tan mala xente non son». «Vámoslle pedir a ghritos/que non lle pareza mal/que nos dean materiales/que hai que facer o local».

Todo isto desembocou no Concurso de Coplas do Entroido de comezos dos anos noventa nas que como premio sempre había unhas cestas con lacón, grelos e chourizos e tamén un detalle para os accésit. Das que gardamos memoria a palma dos premiados levouna Paco Abella e os accésit Xurxo Alfeirán e Asunción Antelo: «Antes que de min se rira/habíao partir un raio/se queres comer lacón/primeiro tes que ganalo». Felices anos de diversión que recolleron os máis novos para a creación de espectaculares carrozas que fixeron a ledicia de maiores e pequenos os sábados de carnaval nos tempos da movida de Ponteceso. Non daremos esquecemento aos Galicia calidade, Alonso de Chaves, Os mineiros, O Prestige ou a temática que se puxese a tiro. A camioneta de Cándido e as rodas dos contedores daban para todo… As longas noites de inverno foron aproveitadas pola mocidade para soldar, pintar ou o que fixese falta nas carrozas, sempre co apoio total da veciñanza para o que fose necesario, incluso sen permiso das autoridades acompañar na chegada á vila ocupando a rúa principal da localidade. O feito de facer oficial o entroido por parte das institucións afogou a creatividade da nosa mocidade e a de outras entidades da contorna. Continuamos no 2000 con outros enterros con acontecementos da actualidade: O enterro da peseta, As vacas tolas, A gripe aviar, O Prestige... E cunha mesa redonda no Couto Xove 2000 con representantes do tecido promotor de eventos comarcais de entroido: A Mikaela, O xogo das vacas ou Os madamitos. Unha simbiose entre os máis veteranos e veteranas e os máis mozos que, en perfecta harmonía, nos permitiron con moito esforzo (e escasos medios) sermos un pouco máis felices.

Nestes días tristes vennos á lembranza eses felices momentos de unión, liberdade e creatividade. Queremos seguir a inventarnos e a avivar o lume cunha nova edición do Concurso de Coplas para recrear os momentos do ano pasado, dos que hai moito que contar e rir (que tamén é saudable) a nivel mundial, estatal, autonómico ou local. Farémolo cos novos medios de recollida por correo electrónico e divulgando as vosas propostas nas redes sociais, pero cos premios de sempre para compartir con convivintes (uns paxiños de O Son dos Varas con lambocio do país).