Xosé María Varela: «Ramón Villares é todo un sabio»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Varela, diante da antiga escola do Couto, nunha imaxe de arquivo
Varela, diante da antiga escola do Couto, nunha imaxe de arquivo Ana Garcia

A VIVA VOZ | A sede da Fundación Pondal acollerá este domingo a presentación da obra Historia de Galicia, parte da colección de La Voz. Disto fala Xosé María Varela, xerente da entidade, quen por certo vén de ser seleccionado para integrar unha das seccións do Consello da Cultura Galega 

18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Decembro é frío, pero cálido a nivel cultural en Ponteceso. O mes de Santa Lucía, «moi próspera», como di Xosé María Varela, é o que trae o aniversario da Fundación Eduardo Pondal (van 12 anos) e, tamén, o Día do Himno Galego, 20 de decembro, lembrando a súa estrea no Gran Teatro da Habana, no 1907. Ponteceso é o berce do bardo que alumeou a letra deste símbolo. Arredor destas efemérides haberá hoxe, mañá e pasado diversos actos, entre eles a visita de Ramón Villares, que, en colaboración con La Voz, falará da súa Historia de Galicia, os dous primeiros tomos da colección de cinco obras que este xornal puxo á disposición dos seus lectores, imprescindibles para abordar pasado, presente e futuro non só da comunidade, senón tamén de España e Europa. Vai rematando así un 2020 estraño no que, pese ao covid-19 non se detivo a intensa actividade pondaliana. Decembro trouxo, ademais, boas novas para Varela, xerente da fundación Pondal, que vén de ser seleccionado para entrar, en xaneiro do 2021, na Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, ao igual que Ánxela Bugallo, Manuel Vicente e Xacobo de Toro. A nova é destes días.

-Como valora esa escolla?

-Hai nesta comisión xente relacionada coa ciencia, coa natureza, coa tecnoloxía, de par da cal non son nada importante. Aínda non sei moi ben por que pensaron en min, mais supoño que pola dinamización científica que facemos nesta pequena aldea: o Festiciencia, as Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal... Á sección hai ligados nomes como Xurxo Mariño ou Ángel Carracedo, entre outros, nada menos. Quen me ía dicir a min, que son de letras, e que algún día mesmo ata odiei as matemáticas, que acabaría formando parte de algo relacionado coas ciencias. Dixen que si, por suposto. Penso que para calquera persoa é todo un soño que achamen dun órgano como é este, o Consello da Cultura Galega, cun traballo transversal en ciencia, ciencia en galego, traballo en cultura...

-Que agarda poder facer?

-A estes sitios debemos sempre ir aprender. E, por suposto, procurarei a forma tamén de traer a moitos deles ao Couto, oxalá os nosos nenos e nenas poidan desenvolver vocacións científicas con estas pequenas sementes. Será pois moi interesante para aprender e para dicir que alguén dunha pequena aldeíña, coma min, pode chegar a estar aí.

-Aprender, pero tamén amosar o que se pode facer dende un lugar como O Couto.

-Iso tamén é certo. Aquí intentamos facer cousas e chegar a todos os públicos, amosar que dende un lugar moi humilde se pode facer un programa importante.

-Comezan hoxe mesmo, doutro lado, os actos relacionados coma homenaxe ao Himno Galego.

-Exacto, rapaces de segundo de bacharelato do instituto Eduardo Pondal participarán no visionado do documental Vértice dos versos e tamén nun coloquio co propio autor, Carlos Lorenzo [haberá dúas sesións, 10.00 e 12.00 horas].

-Volverán acoller mañá outra Cova Céltica, nesta ocasión con Luís García Soto e o seu libro «Outros e novos Queixumes».

-É un libro publicado pola USC onde se fai un estudo en profundidade deses outros Queixumes, unha análise pormenorizada dalgúns dos poemas máis significativos da obra de Pondal. O formato Cova Céltica funciona moi ben, é un grupo moi reducido de persoas, neste caso 8, a maioría delas especialistas. O autor leva o fío, pero hai unha serie de preguntas e cuestións que, como dixo o convidado á anterior Cova Céltica [Manuel Castelao, con A máquina ousada, Pondal e a Literatura], son para «viciosos» de Pondal. Pondal é unha fonte de descubrimentos, queda aínda moito por saber. El mesmo dixera «escuro enigma eu son». Son interesantísimas estas dúas publicacións, á altura doutros traballos que se teñen feito.

-A «Historia de Galicia» de Ramón Villares chegará o domingo.

-A iniciativa de La Voz paréceme marabillosa, porque por un prezo módico pódese ter unha colección de libros de historia fundamental. Villares para min é todo un sabio, domina a historia, a cultura e a literatura de Galicia en todo os seus campos. É un home que en certo modo me fai recordar a Neira Vilas, pola proximidade, sen nada de espaventos. Para este acto seremos tamén un grupo moi reducido de persoas, oito exactamente. Este 20 de decembro, Día do Himno, cadra ademais en domingo, e a xornada rematará cunha interpretación colectiva, na Praza do Quinteiro. Música tradicional, canto e danza virán con Donaire, nunha actividade que leva por título A Aldea do Himno. Detrás desta formación amiga están xente como Olga Kirk e Pablo Díaz, que ademais foron profesores aquí, e que manifestaron o seu desexo de participar. A ocasión merece esta pequena celebración, agardamos que o tempo tamén acompañe.