Fútbol

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

13 nov 2020 . Actualizado a las 08:40 h.

Dentro dos incontables efectos colaterais que ten esta pandemia, están os importantes, que todos sabemos ben cales son, e aqueles menores que de momento entran no eido da anécdota, pero se cadra dentro duns anos, cando o covid sexa só un lamentable pesadelo que deixou baixas, feridas e dores, formará parte da doenzas melancólicas.

Por motivos familiares levo doce anos visitando moitos campos de fútbol case por media provincia, especialmente na zona norte, no entorno das Mariñas, pero bordeando por Melide, Carral, Teixeiro, Mesía, e tantos máis. Campos de todo tipo, de moitas ligas, nos que xogaron e xogan chavales de diversas categorías e ligas, ata os xuvenís. Ves de todo. Recintos municipais excepcionais onde tamén xogan os grandes, e outros mantidos co esforzo de clubs con xente entusiasta que leva media vida traballando para que os nenos teñan unha actividade deportiva que engancha. De todo, a verdade. Mágoa non ir apuntando as vivencias, que darían para moitos relatos.

Algúns deses campos agora non se usan, naturalmente, ou teñen unha actividade moi menor. Non sei que me dá que a algúns vailles a pasar como a aqueles impulsados sobre todo por peñas ou equipos xa desaparecidos, convertidos agora en herbais con porterías que resisten como poden na súa verticalidade, ao vento. Alta de Entrecruces, Balsiño, Alcaián, Erbecedo, Mira, San Cremenzo... Mínimos de moitos exemplos nos que a maleza vai a tanta velocidade como os anos, e ás veces quen xogou nese rectángulo pasa pola beira e escápaselle un aceno de tristura. Veremos como acaba este partido.