Contribución

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

26 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegan, nestes días finais de outubro, uns sobres con lapela da Deputación da Coruña. Son as temidas contribucións coloquialmente falando, o Imposto de Bens Inmobles para sermos máis oficiais. A priori, ninguén que teña unha propiedade tanxible, rústica ou urbana, se libra do pago do tributo, agás a Igrexa Católica que aínda continúa con privilexios estando todos nun estado aconfesional. Téñolle sentido aos maiores que en realidade non temos nada. En certa maneira, é así. Compramos unha propiedade e cada ano temos que facerlle fronte a un imposto por ser donos dela. Se morres, os teus fillos tampouco herdan directamente o teu legado, teñen que expedir o Imposto de Sucesións, que leva séculos instaurado no país, aínda que grave diferente por comunidades autónomas. Trátase case dunha dupla ou tripla imposición tributaria.

Observo estes días que, a xente de xa unha idade, acode ao banco para pagar os impostos. Moitos non saben pagar un recibo pola banca electrónica, así que van ás oficinas para facer a xestión presencialmente. Eles son a xeración que non secundan o ideario actual das entidades bancarias: reducir a atención ao público e fomentar a autoxestión do propio consumidor das súas finanzas a través de Internet. Mais eles son conscientes de algo moi importante. Ata hai moi pouco tempo, ter unha propiedade era un privilexio case inaccesible para a xente do común que tiña que traballar moitas veces en terreos alugados ou de mans mortas. Hoxe a terra non vale nada, nin os montes, nin as casas solleiras nas aldeas. A xente que viviu tempos de fame e angustias, na ditadura e na transición, saben que a terra é a herdanza máis simbólica e hereditaria que pode recibir un fillo.