Sinalados co dedo

CARBALLO

16 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Supoñíase que pasar por unha situación tan dura como a que trouxo consigo esta pandemia nos faría mellores persoas. Ou que sacaría o mellor de nós. Houbo momentos de luz durante o máis cru do confinamento. Xestos, doazóns, voluntariado... Moitas palmas aos sanitarios e bágoas de orgullo polo seu labor incansable capeando este inimigo invisible e descoñecido. Mais, como ben é sabido, a todo se acostuma un. Ata a coñecer aos viandantes ata con medio rostro cuberto por unha máscara, a ver ringleiras con separacións de metro e medio e a acudir aos teatros con metade do patio de butacas precintado. Esa xenerosidade que se respiraba nos primeiros meses da crise sanitaria transformouse nun perigoso cóctel de medo e receo. Receo, primeiro, cara os madrileños. Porque nos ían traer o bicho dende a capital. Despois cara os sanitarios e o persoal dos supermercados, que aínda por enriba de expoñer a súa saúde traballando cara o público en momentos nos que todo país estaba pechado, tiveron que aguantar desprezos por parte de veciños que lles pedían que abandonasen o edificio a través de vergoñentas notas pegadas no ascensor. E agora somos os mozos. Non defenderei a conduta de quen infrinxa as restricións con festas ilegais e botellóns, pero si dos que elixan divertirse con cabeza. Semella que a sociedade non sabe de que máis maneiras excusar a súa propia irresponsabilidade. Se se contaxian, polo menos ter alguén a man a quen botarlle a culpa. Porque asumir a responsabilidade dos propios actos é un dos exercicios máis complicados, e maduros, que hai.