Beirut

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

10 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Omundo pide que, unanimemente, se remate o ano 2020. Levamos tantos feitos históricos e desgraciados ás costas que énos imposible ás veces rememorar a tranquilidade do verán pasado. Entón, os temas de conversa eran as altas temperaturas ou os coches de matrícula suíza que regresaban a Galicia coma en cada estación estival.

O mundo mudou irremediablemente. As apertas e os bicos foron trasladados paulatinamente polo xel hidroalcólico e as máscaras. A saber se foi un morcego, un pangolín ou a arma biolóxica que tantas veces se representa nos cómics distópicos. Tampouco importa, estamos no punto onde só pondera o hoxe.

Hai uns meses lía que Líbano era un remanso de calma na Guerra de Siria. Erixíase como o país que facía de ponte. Un país que estourou, sen máis. Beirut parécenos tan lonxe que dificilmente o lograríamos ubicar no atlas... Tamén Siria, Afganistán, Irak ou Palestina. En nós persiste aínda que somos persoas globalizadas pero non podemos selo cando escapamos do coñecemento e das situacións dos países non occidentais. Aniña en nós aínda un nacionalismo impregnado de colonialismo e imperialismo que nos impide contemplar o planeta dende unha perspectiva global.

Os mortos non son todos iguais. É un feito. Os medios de comunicación teñen o poder inexpugnable de modificar a nosa percepción do mundo, sentíndonos seguros dende a liña imaxinaria das nosas fronteiras. Unha falsa tranquilidade. A vida dunha persoa debería ter o mesmo valor na franxa de Gaza que en Francia ou Alemaña. As nosas mans tiñan que ser capaces de evitar que as praias devolvan nenos afogados que unicamente buscaban refuxio despois de sentiren día e noite as bombas sobre as súas cabezas.