Suízos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

07 ago 2020 . Actualizado a las 16:04 h.

Xa non, pero durante moito tempo, aos que emigraban para Suíza chamábaselle nalgúns sitios os suízos, igual que antes os americanos aos da Arxentina ou Uruguai. O país era unha parte máis do noso territorio, con parroquias nas que non había casa con familiares nalgúns dos seus 26 cantóns. Una realidade sociolóxica brutal que forma parte substancial da Costa da Morte. Un tema que dá para libros (algún xa hai) e do que xa teño escrito moitas veces, porque a vida dos suízos era a nosa vida.

Emprego o pasado porque obviamente as cousas cambiaron: a xente, aos medios, a maneira de ver a vida e o traballo. Os anos: pouco que ver os setenta e oitenta co que pasa agora. Seguimos tendo milleiros de emigrantes de primeira, segunda e terceira xeración, pero curiosamente, canto máis cerca os temos cos voos, os mellores coches e estradas, as charlas por vídeo diarias, xa non existe aquel vínculo de tanta fortaleza emotiva que había antes. Ou esa é a miña impresión. Pero ás veces, todo dá unha volta recupérase ese sentimento da nosa Suíza. O anuncio de cuarentena aos que cheguen despois do sábado foi como un terremoto que nos sacudiu a moitos. De súpeto, aí temos aos veciños, familiares, amigos, coñecidos, que están arranxando como poden a volta urxente, ou a aqueles que xa non poden vir. Foi como unha conmoción nas áreas máis sinaladas pola emigración helvética, un golpe na mesa dicindo, si, aí está a nosa outra parroquia. En horas imos deixar de ver tantas matrículas de cantóns como as que estes días atopamos polas rúas e estradas, un dos nexo visuais con aqueles anos. E deixaremos de ver á nosa xente, que é o peor.