A Casa da Muller da Fundación Pondal reabre as súas portas

La Voz

CARBALLO

Omar Rabuñal
Omar Rabuñal JOSE MANUEL CASAL

Será mañá, ás 16.00 horas, para que o cineasta Omar Rabuñal grave voces veteranas da contorna

29 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa da Muller, unha iniciativa da Fundación Eduardo Pondal, con sede no Couto (Ponteceso), reabrirá mañá ás súas portas. Farao ás 16.00 horas, para que o cineasta Omar Rabuñal, poida gravar as testemuñas dalgunhas veciñas da zona. O seu traballo frutificará en «Saberes de Muller», unha serie de pequenos vídeos onde estas persoas, da terceira idade, procedentes de diferentes lugares de Bergantiños e da Costa da Morte, falarán sobre a súa vida: profesións, relacións sociais, educación, cultura, papel da muller na sociedade... Este mesmo xoves acudirán vinte, pero en grupos moi reducidos, e con entrevistas concertadas a diferentes horas, entre as 16.00 e as 20.00, cumprindo estritamente os protocolos de seguridade que son precisos a causa do coronavirus. O proxecto, detallan, é posible ao amparo da iniciativa Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

Empoderamento

«Os procesos de empoderamento son fundamentais para manter a identidade do xénero feminino e a súa independencia e autonomía, aspectos todos eles básicos para a súa propia supervivencia e dignidade como persoa», indican sobre algún dos obxectivos de «Saberes de Muller». Obradoiros e actividades deste tipo teñen, por tanto, suma importancia, como fomentadores en certa maneira dunha transformación «ideolóxica, social e cultural» que lle permita á muller «pasar a ser protagonista e construtora conscientes, dinámica e orgullosa da súa propia historia».

Á vez que se recollerán todas aquelas vivencias que as participantes queiran compartir, o documental do cineasta Omar Rabuñal, colaborador coa Fundación Pondal xa en diversas ocasións, deixará constancia dos costumes, da riqueza lingüística e tamén de valores etnográficos desta comarca.