O mundo a través do Pico de Meda

Natalia Lema Otero

CARBALLO

27 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia ensinounos a ver o mundo dende outro vértice. Abateunos un fondo pesimismo e dúbida sobre o presente e o futuro propio. Eu son das que pensa que, para sentirnos globais, debemos poñer o foco da mirada nos entes locais. Nunca tanta xente se botou ás rúas para camiñar en noites de verán, para buscar esa conexión perdida entre a natureza e as persoas, tan depreciada polo trasfego das nosas vidas aceleradas. Zas é, por iso e máis, un lugar pequeno e inaudito para achar a calma despois de tantas tormentas e desavinzas persoais. Subindo unha ao Pico de Meda, encóntrase ese silencio nada máis interrompido polo son dos paxaros cantando ou o da auga que irrompe con forza a través da fervenza e dos muíños. Cando se chega ao cume, a sensación de liberdade é impresionante. Tres comarcas aparecen aos nosos ollos: a comarca do Xallas, a de Soneira e, por suposto, a bergantiñá. Ata o Monte Neme nos saúda dende o outro peitoril da montaña coma unha mancha de leite que impregna o lenzo. Estando alí, reina a tremenda convicción de sentirse pequenos ante a inmensidade dos vales, das nubes e o ceo sobre as nosas cabezas. Ao mesmo tempo, unha séntese grandilocuente ao contemplar a beleza dunhas vistas privilexiadas que dan conta dun anaco ben feitiño da Costa da Morte. Vivimos con tanta celeridade que esquecemos facer o lene exercicio de ollar os ceos, as nubes de evolución ou os neboeiros que son preludio das grandes tempestades. Ousamos desprezar as gamas cromáticas que agochan a caída ou o renacemento dun día. Por iso, de vez en cando, cómpre ir a Meda para contemplar paisaxes que dan vida. O gran patrimonio da nosa xeografía ofrécenos as máximas posibilidades de turismo local e sostible.