Lucho Penabade: «A Costa da Morte deunos vida»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Os Quinquilláns volven á acción esta fin de semana coas primeiras teatralizacións da tempada: estarán en Dombate, nas Torres do Allo e no Castelo de Vimianzo

01 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Costa da Morte xa é casa para Os Quinquilláns. Lucho Penabade é, xunto con Tero Rodríguez, unha das metades desta formación, que cada verán encarna a historia da comarca.

Penabade (Muras, 1967) é un criado no Castelo de Vimianzo, un construtor de dolmens en Dombate e o naturalista Víctor López Seoane nas Torres do Allo. Tamén encarnou no seu día a un monxe en Moraime e a Mosqueira Manso en Corme. O home dos mil rostros, que xa sente esta comarca como propia e que nela viu a oportunidade de desenvolver un tipo de espectáculo que, como ben di, non tería feito en ningún outro lugar. Admira, por exemplo, o modelo de xestión do Castelo vimiancés que, lonxe de ser un mero edificio, está cheo de vida grazas aos artesáns que nel mostran os seus traballos..

-Esta fin de semana arrancan xira en Dombate.

-Si, o sábado. E xa o domingo, no Castelo de Vimianzo, e nas Torres do Allo, tamén.

-Veñen con todo, entón.

-Si [ri], tódalas semanas dos meses de xullo e agosto. Onde non seguiremos será en Moraime.

-Nun contexto algo diferente, nesta ocasión.

-O que faremos será adaptarnos ás medidas sen cambiar a montaxe. É certo que non podemos interactuar tanto co público e que temos que ter sempre en conta a separación, pero en principio [as medidas] non nos impedirán facer a montaxe. En principio imos con moi boas sensacións, pese a que haberá limitacións de aforo, como sucederá en Dombate. En todo caso, como son dous pases, sempre hai a posibilidade de ir a un ou a outro e iso sempre nos beneficia.

-Haberá fins de semana máis concorridas que outras tamén.

-Supoño que, segundo vaia avanzando o verán e a situación, irase animando a xente ou non. En principio parece que hai bastante xente pola Costa da Morte, o cal debería animarnos o suficiente como para ver que haberá afluencia, sobre todo tendo en conta que non haberá moitas máis actividades ás que acudir.

-Haberá moito turismo de proximidade, mesmo local.

-Iso está ben, aínda que sexa debido a unha circunstancia desgraciada, que se coñezan espazos que moitas veces temos ao lado da casa e non se lles presta atención.

-Xa teñen un certo percorrido pola comarca, notan que as teatralizacións están gañando popularidade ultimamente?

-Si, cremos que si. Para nós a Costa da Morte significou o acicate para facelo noutros sitios, como é o caso do Castro de Santa Trega, ao que nós lle tiñamos xa posto o ollo. O trato por parte dos concellos, así como a afluencia, foron sempre moi bos. Comezamos no Castelo, posteriormente no Allo e en Dombate... É a nosa casa: a Costa da Morte deunos vida. Síntome como se fose de aí e as personalidades históricas e literarias que hai aí sonme tan propias como as da Mariña, na que nacín.

-Afectaríalles, tamén, o parón da corentena nestes meses.

-Completamente. Tiñamos o Banquete de Conxo en Santiago, que era un evento dunha dimensión bastante grande; estabamos para estrear unha montaxe nas Torres de Altamira de Brión, que é onde vivo eu, e tampouco se puido facer; houbo que pospoñer a estrea de Santa Trega... Foi un golpe bastante forte, pero visto o contexto de moita outra xente non convén queixarse, xa que hai moitas profesións que aínda están bastante peor que nós.