O prezo do odio

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

11 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Umberto Eco ten un fabuloso ensaio sobre a relación directa entre como percibimos física e psicoloxicamente ao inimigo co odio. Se cadra pensabamos ilusamente que as pandemias son tan viscerais que só levan por diante a persoas boas, cándidas. Por iso, algún sorprendíase da morte de Billy el Niño.

Finalmente, despois de tanta ruindade, os grandes ditadores e verdugos non eran nada máis que homes e mulleres mortais, non divindades. Xustiza poética non é como todos clamaban a morte do ex policía por coronavirus. Xustiza sería que en vida se recoñecesen as súas faltas ante un Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, sen condecoracións nin medallas. A memoria histórica ten unha gran débeda cunha porcentaxe alta de familias españolas, dende logo. Falamos dos fusilados, dos represaliados, dos republicanos mortos en Mauthausen ou dos que foron torturados polos franquistas no continuo forcexeo entre etarras e franquistas. Son quizais os episodios máis críticos que constitúen a nosa historia recente. Cómpre afrontar, pois, a Historia dende un punto de vista asertivo, sen ideoloxías políticas, centrándonos unicamente en restituír a dignidade das persoas. A Costa da Morte ten aínda un longo camiño por percorrer para redimir a honra daqueles que hoxe non poden falar. Quedan agochadas entre o silencio e as voces baixas episodios de represaliados que morreron como antipatriotas e parias ou na cadeira eléctrica. Pasou aquí, mais non se fala. Gárdase ese silencio pactado que emerxe da represión máis endémica.

Detesto, pois, aqueles que se cren xuíces para designar a morte dos verdugos. Quero crer que a deshonra para este home sería o desleixo, a supresión das condecoracións e a pena imposta.