A Costa da Morte inspira unha vez máis a Xabier Díaz

M. L. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Inspirado nunha peza recollida en Corcubión, este novo vídeo foi rodado en localizacións de Carnota

08 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Se o patrimonio musical e folclórico que atesoura a carballesa Consuelo Vázquez na súa mente inspirou o tema co que Xabier Díaz presentou o seu novo álbum, As catedrais silenciadas, unha vez máis a Costa da Morte volve facer acto de presenza na produción do reputado músico, que onte presentou, xunto coas Adufeiras de Salitre, o segundo vídeo do seu máis recente traballo discográfico.

Illas de sal foi publicado conxuntamente na canle de Youtube e os perfís de Facebook e Instagram de Díaz, obtendo ao instante unha magnífica resposta por parte dos seguidores. Nesta ocasión a inspiración para o single foi unha peza que o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax recolleu en Corcubión hai nada menos que 68 anos. A partir desa base, Díaz encargouse de engadir elementos novos, como un coro que non existía na composición orixinal; e de elaborar boa parte do texto, aínda que se incorporaron algunhas liñas que teñen unha orixe tradicional.

En canto ao vídeo, protagonizado pola pequena bailadora Sofía Souto Carballido, foi filmado en localizacións ben próximas á comarca, como son A Boca do Río e o Monte Pindo, no municipio de Carnota. Unha peza audiovisual que Díaz tivo sempre en mente e que puido agora facerse realidade: «É o xogo dunha pícara que, en realidade, está bailando co mar», comenta o propio músico. Cabe salientar que no tema recollido por Lomax a mediados de século tamén se fala de cuestións relacionadas coa costa.

A Galicia baleira

O álbum que acolle Illas de Sal saeu á venda o pasado 13 de marzo. Trátase dun proxecto que, máis alá da música, fala tamén da Galicia baleira e de todo o patrimonio material e inmaterial descoidado. Entre as referencias non musicais que serviron a Díaz e ás Adufeiras de Salitre para este novo traballo destacan a muxiá Carme Toba Trillo, que informa nas redes sociais sobre a herdanza cultural galega vencida polo abandono social e institucional.