Globalización

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

13 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aprimeira vez que me explicaron o termo globalización foi nunha clase de Xeografía, hai moitos anos. Dona Carme díxonos que a globalización permite encontrar un mesmo tipo de pantalón en moitos lugares do mundo, facéndoo accesible e case universal a toda a poboación. Asemella positivo o termo globalización, unicamente que para que isto sexa posible entra no taboleiro de xadrez outro termo: a deslocalización de empresas. Por iso, cando a demanda de máscaras é tan grande, vánsenos totalmente as oportunidades de acceder a ese produto e empezamos a escoitar de nacionalizacións e producións propias, no interior dos países, cando a inflación e a hexemonía dos mercados é tan grande. O mundo funciona así, non a través de variables, que tamén. Máis ben a través de intereses partidarios. Por iso, cando todo pase, sería recomendable deixar de comprar compulsivamente en Amazon e volver a buscar o selo feito en España, o número 84 nos códigos de barras. Na palestra está o emprego no país, o impacto no medio ambiente de miles de transportes dunha punta do planeta a outra, e a explotación infantil en países como Blangadesh, a China ou Taiwan.

Non é preciso facer unha involución á autarquía máis absoluta, pero é de lei reconsiderar o consumo responsable. Estou tan abatida polo momento extraordinario que todos vivimos, que me pelan os dedos de usar tanta lixivia. Non quero pensar o que é vivir envoltos en equipos de plástico para poder salvar vidas. Hoxe, somos a xeración máis global. Non obstante, vivimos máis sós ca nunca. Sen o contacto, sen o agarimo, un triste bico que nos faga sentir amados. Estou por pensar que o inferno non está feito de lume candente. O inferno está feito de lixivia.