Limpar novamente

Manuel Barros MAR DE FÁBULA

CARBALLO

BASILIO BELLO

31 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A través dos cristais do local pechado de Mar de Fábula contemplo o perfil crebado do noso Pindo particular, a Serra de Pena Forcada caendo cara ao mar, e veñen ao meu pensamento os versos dun poeta querido: «... Montaña está morta e vacía, fría e triste...». Eu quixera achegar as miñas mans á montaña, pero non podo; quixera pisar a praia de Camelle, pero non podo, non podemos saír por mor dun virus, un inimigo invisible que ameaza as nosas vidas.

Cómpre gardar as instrucións, non hai outra, nesta situación irreal. O prioritario agora é saír vivos desta pandemia para ter a oportunidade de corrixir os erros que temos cometido destruíndo o planeta. Xa no 1918, o filosofo e humanista austríaco Rudolf Steiner, aseguraba que «os virus son só excrecións de células que teñen sido envelenadas, son pezas de ADN ou ARN con outras proteínas expulsadas das células atacadas. Non son a causa de nada». Tal aserto confirma ás publicacións científicas sobre os efectos da contaminación do lixo plástico no mar cando, que no seu proceso de degradación chegan ao tamaño de nanoplásticos e actúan como vector dos contaminantes orgánicos persistentes, sustancias químicas moi tóxicas que envelenan o plancto, base da cadea trófica que sustenta a vida no planeta.

Hai uns dous anos a prensa facíase eco da noticia de que en Alemaña, pola contaminación do aire, nos últimos 25 anos, tiña desaparecido o 75% dos insectos voadores. E igual noutros países. A pesares da información non houbo reaccións. Seguimos de festa, comprando e consumindo os recursos do planeta.

Hai agora 50 anos, navegando de Europa aos Grandes Lagos, pasamos polo Mar dos Argazos, no medio do Atlántico, e dende a cuberta vin bolsas de plástico aboiando. Daquela non lle din importancia. Hoxe asumo que levamos decenas de anos envelenando o mar con millóns de toneladas plásticos. Quixera que os hábitos de limpeza e desinfección que asumimos agora, á forza, permanezan porque a contaminación é o caldo de cultivo para os virus. Cando remate a pandemia, volveremos a pisar as praias novamente, para limpar o mar e chorar polos ausentes.