Traballos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Nunca pensei que botaría de menos ir plantar patacas (castañas, como dicimos na miña zona). De pequeno, como tantos traballos da terra, sempre imaxinaba que unha das boas cousas que tería facerse maior era que seguro librabas de labores que, sexamos sinceros, sempre nos amolaron. As patacas ou as coles (que tamén son deste tempo, pero un pouco antes) non son dos peores. A herba seca e o millo están noutro nivel, e apañalas tamén lle chega ben. Isto comentábao con rapaces do meu tempo e opinaban o mesmo: todo iso tiña que quedar atrás canto antes, polo esforzo que nos daba. Sobre todo, o día a día: ir á herba, á leña, ao mato, estrar...

Pero a vida é como é, e será cousa da vellez, pero estes días boto de menos meterme de novo na leira entre os regos e dobrar o lombo para plantar, algo que vai ter que esperar polo menos dúas semanas máis, con sorte. Mirar para as anduriñas, que nos vellos tempos eran un auténtico fastidio porque todos sabemos que onde pousan deixan tamén moitos excrementos, pero agora véxoas como os fíos que me levan ao pasado xa afastado, aínda que sexan presente. Ollar como lle van saíndo as follas á figueira da horta e á uveira. Como se transforman as dos pexegueiros, ameixeiras, pereiras e mazanceiras. Esas parvadas ás que case nin lle damos importancia, porque son rutina estacional, e que seguen adiante aínda que todo o outro mundo estea parado. Ese ver medrar a herba de par da casa antes de que chegue a sementeira, ou a milleira. Igual que naquel tempo dividiamos o ano por santos, eu xa o fago por cultivos. Chegará a tempo o confinamento para botar o millo?