Imprescindibles

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

06 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As conquistas, os avances cara diante, os progresos dunha terra sempre aledan. E máis nunca comarca que vai minguando en poboación como é esta. En realidade hai que felicitarse de que acontecementos como a Mostra do Encaixe chegue á súa 30.ª edición; o Asalto ao Castelo, á 25.ª; as Festiletras, á 38.ª, a Mostra de Olería, á 20.ª. E así moitos outros acontecementos de relevo na Costa da Morte que constitúen importantes puntos de aporte vital á bisbarra. Todas elas, e moitas outras, son froito do traballo, o esforzo e a colaboración de moita xente. Posiblemente, os primeiros que puxeron en marcha moitas delas foron atacados, criticados, desanimados e incluso sufriron atrancos no seu labor. Xa sabemos como pasa nos pobos pequenos. Logo, cando a cousa ten éxito aparecen protagonistas a eito. Eses que parece que fundaron o mundo e que nada funciona se non é por eles. Xa se sabe que a vitoria ten moitos pais e a derrota sempre é orfa.

A Festa da Carballeira, que chega á 37.ª edición, acaba de ser declarada de interese turístico. Un auténtico fito. Unha celebración que naceu do empeño duns rapaces liderados por Manolo Bouzas, que nas primeiras edicións incluso facía as empanadas que se daban en racións cos xerros, o viño e a queimada. Ducias de veciños axudaron ano a ano para que a celebración sexa actualmente unha das principais citas folk de Galicia. Hai moita xente anónima que traballou, como o fixo tamén Tania Carreira elaborando a documentación para a súa declaración de festa de interese turístico. Xente que mira polo seu pobo fóra de horarios e contratos. Esta xente é imprescindible.