O tempo da dor

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

03 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando vexo o hemiciclo tan dividido en multitude de cores políticas e ideoloxías variadas, opostas e contraditorias, penso que é o reflexo das distensións da xente na rúa. O problema dos partidos que atentan contra os dereitos humanos e as liberdades públicas é que están reflexando un pensamento de certa parte da sociedade. Unha sociedade que non ten memoria, que está chea de odio e xenreira, de incultura e falta de pensamento. Unha parte da cidadanía que é xenófoba, homófoba e machista.

Outra parte do hemiciclo representa aqueles que buscamos a memoria. Ningunha civilización pode medrar sen coñecer as súas orixes, os acertos e os fracasos da humanidade. Quen sabe a identidade doutra persoa ten poder sobre ela, dicía Lewis Carroll.

A memoria non é un tema secundario como nos intentan vender. Non se pode deixar que se converta en esquecemento. De aí que sexa tan importante respectar a lei de memoria histórica e sacar a luz as vivencias que os nacionais e tamén os republicanos deixaron esmorecer. Para min non unha loita de clase política, nin de gañadores ou perdedores, é a loita de honrar as vítimas inocentes que quedaron polo camiño, civís que non saíron indemnes dunha guerra con máis «paseos» que trincheiras.

E calar as historias é un amago de inutilizar a memoria, mutilar o tempo da dor. Na Costa da Morte hai moitas historias que só se contan en ambientes moi cerrados, en voz baixiña, coma se as palabras puidesen surtir efecto despois de tantos anos a modo de represalias. A memoria histórica é xustamente iso, resarcir a honra dos que xa non poden falar. Como lía hai un tempo, a xustiza é dar a todos o lugar que merecen na liña do tempo.