Non pagan IBI

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

24 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A contribución era aquel imposto que pagaban os propietarios dos bens inmobles, ata o ano 1990 no que Felipe González lle puxo un nome máis fino: IBI (imposto de bens inmobles). É un imposto que pagan cada ano todas as casas e leiras que grava a titularidade en proporción ao seu valor catastral, que xestionan os concellos e repárteno entre varias Administracións. Pero hai moitos bens inmobles que están exentos de pagalo, porque cumpren unha función social, é dicir, que ofrecen un servizo público a todos os cidadáns, polo que non pagan IBI. Falamos, en principio, das estradas, dos camiños, dos portos; das propiedades cuxo titular sexa o Estado, as comunidades autónomas e concellos, porque se entende que prestan un servizo público a todos; pero tamén comprende os montes en man común, toda a infraestrutura ferroviaria e dos aeroportos.

Outros edificios que prestan un servizo educativo á cidadanía, como os colexios, e os que prestan o servizo de culto, como as igrexas e capelas católicas, as mesquitas musulmás e as sinagogas xudías tampouco pagan o imposto, porque se entendeu que están ao servizo da xente. Por último, non pagan imposto -e non deben pagalo- os bens de interese cultural: os hórreos e cabazos, os cruceiros e petos de ánimas, as fontes, os lavadoiros, xardíns e sitios históricos, xacementos arqueolóxicos, monumentos ou conxuntos históricos etnográficos.

Os BIC teñen a obriga de dispoñer uns días de visita aos cidadáns -por algo, aínda que teña dono, o patrimonio é de todos-, polo que parece correcto que estean exentos de pagar impostos.