A voz das que non foron escoitadas

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Laura Romero recolle xunto con Iria Pedreira en «Ferreñas e Rock and roll» historias de mulleres que fixeron grandes aportacións á música que non sempre lle foron recoñecidas

20 dic 2019 . Actualizado a las 11:51 h.

Laura Romero, ao lapis, e Iria Pedreira, ás letras, combinan esforzos nun catálogo ilustrado no que outorgan protagonismo a máis de trinta músicas ou formacións integramente femininas que marcaron un antes e un despois tanto nos seus respectivos estilos como no conxunto da música galega. Ana Kiro, Matilde Balseiro, Uxía, Mercedes Peón, Xosefa de Bastavales, Ugía Pedreira, Guadi Galego, As Garotas de Ribeira ou Susana Seivane son algúns dos nomes que Romero e Pedreira incorporan a este libro, editado por Baía e merecedor dun dos premios do II Concurso de Ideas «Luísa Villalta» de proxectos culturais pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña no ano 2018.

-Algún que outro rockeiro tocando a pandeireta tense visto...

-O título é curioso, si [ri]. Ao falar de moitos estilos, non quería centrarme nun só no título, no tradicional ou no rock, de aí que finalmente elixíramos «Ferreñas & Rock and roll».

-Tratan de poñer en valor a moitas mulleres que fixeron moito pola música e ás que non sempre se lles recoñeceu ese mérito.

-Esa é precisamente a idea que deu lugar ao libro, si.

-Díganos, por exemplo, un par de nomes destacados.

-O caso que fixo que eu quixera embarcarme neste libro foi o de Josefa de Bastavales. Cando eu coñecín a súa historia xa comezara co proxecto «Músicas Galegas Ilustradas», no cal me centraba nas profesionais que estamos actualmente nos escenarios. Eu lía moito sobre música galega -en especial sobre bravú, que me interesa moito- e cando chego á historia de Josefa gústame tanto que ata fago o logo de «Músicas Galegas Ilustradas» coa súa cara. Ademais, fixo que xerminase na miña cabeza a idea de facer algo para falar de músicas que fixeron cousas incribles no pasado que ás veces non se coñecen demasiado ben.

-Josefa foi, sen dúbida, unha muller con percorrido.

-A historia que eu coñecín foi a de cando marcha con Manu Chao a Lyon e se fan moi amigos; pero ao falar con ela conta moitas outras cousas anteriores que non son tan coñecidas e que me sorprenderon moito.

-Algunha outra predilecta?

-A de Batuko Tabanka, sen dúbida. Eu non as coñecía e faloume delas o músico Manolo Maseda [director do IES Maximino Romero de Lema de Baio]. É un grupo de doce mulleres caboverdianas que se xuntaron nos anos 90. Elas vivían en Burela e os maridos ían ao mar durante meses, co cal pasaban moito tempo soas: tiraban das casas, dos fillos, dos traballos... Ata que unha vez, creo que foi nunha cea, xuntáronse a batukar como o facían as súas avoas. Agora é un grupo que leva moita traxectoria e o que máis me gusta é cómo falan do moito que se parece a música que fan á música tradicional galega. A posición en semicírculo, como adoptan as nosas pandereteiras; moitas partes improvisadas nas letras, como sucede na regueifa; o feito de que hai unha sacadora que comeza a cantar, e todas as demais a seguen; teñen unha especie de aturuxo... Elas non consideran que fagan música de Cabo Verde, nin de aqui, senón unha mestura. Paréceme unha historia moi interesante; eu coñecereinas o 28 deste mes, que fago unha gala en Burela e teño moitas gañas de coñecelas.

-Que poderemos ver na exposición que abre na biblioteca Rego da Balsa?

-Cando presentamos este proxecto para o premio Luísa Villalta [da Deputación da Coruña a proxectos culturais pola igualdade] o primordial era o libro, pero despois pensei que tamén estaría ben destinar parte do premio a facer unha exposición sobre todo con parte do proceso, porque hai músicas que non puideron ser incorporadas. Tamén hai unha parte dedicada a Músicas Galegas Ilustradas para entender tamén o proceso que viña de antes -e que segue en marcha- e para fiar todo, en realidade.

-Nesta presesentación estarán acompañadas polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e por Xurxo Souto.

-Xurxo Souto é unha enciclopedia vivinte e fíxome un prólogo precioso que non me esperaba.