Contos de Nadal: aquí están todos

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

MATALOBOS

Os 10 seleccionados no concurso, un a un. A entrega dos premios será hoxe a mediodía en Corme

21 dic 2019 . Actualizado a las 22:57 h.

Primeiro Premio

Adrián Varela Dovale | CEIP Joaquín Rodríguez Otero

A avoa Lola

 

A avoa Lola era unha boa muller maior que habitaba soa nunha pequena aldea, sen familia e con moi poucos veciños porque, os poucos que tivo, uns marcharan vivir cos fillos para outros lugares e outros morreron. Vivía malamente dos produtos que ela mesma cultivaba a man na súa pequena horta: unhas patacas, uns repolos, unhas fabas... Tamén tiña unha vaca media afamada, a cal muxía todas as mañás para poder almorzar a súa cunca de sopas con pan, que cocía ela cada oito días. Facía coa fariña que moía no muíño do río, case en ruínas.

Estaba chegando o Nadal e a avoa Lola tiña un desexo dende había moito tempo. Nunca saíra da súa casa e non quería ir para o outro mundo sen saber como era a cidade. Un frío día de decembro levantouse máis cedo do normal. Vestiu o mandil e a toca dos domingos, colocou ben o pano na cabeza e calzou os zocos ben limpos. Gardou no peto unhas moedas que tiña aforradas e, moi nerviosa, subiu ao autobús que a levaría ao centro da cidade. Cando chegou, agarrou con toda a forza o bolso que levaba e comezou a camiñar sen saber cara onde. Todo aquilo parecíalle moi fermoso: luces de cores, árbores adornadas, panxoliñas que ela sabía cantar... Ata veu o mesmo Papá Noel camiñar por unha longa rúa. O que nunca entendeu a avoa Lola é por qué a xente da cidade camiñaba tan de présa. Sería por ser Nadal?

A anciá regresou cara a súa casa antes de que anoitecese, cansa e mareada da viaxe pero leda de que por fin cumprira o seu soño. Ao ano seguinte, polo Nadal, a avoa Lola estaba na cama moi enferma e, soñando que estaba rodeada de nenos cantando panxoliñas, viaxou ao ceo para nunca voltar.

Un verdadeiro Nadal

 

Segundo Premio

Iván Botana Pombo | CEIP Xesús San Luís Romero

Érase unha vez un neno chamado Xaime que estaba ledo porque nuns días se celebraría o Nadal.

O Nadal era unha época na que toda a súa familia se xuntaba e tiña a oportunidade de estar con xente, pois el era un rapaz cunha discapacidade.

Os seus pais retornaran á aldea para que o seu fillo gozase da proximidade da xente. «Xaime, apetéceche pasear?», lle dicían. «Vale!», respondía.

Con esforzo, o pai achegou ao neno ata a praza. Cando os mozos o viron, rapidamente o rodearon: «Ola, chámome Pedro! Esta é Antía; este, Brais; e esta de aquí, Mónica!». «Ola!», dixo Xaime. «Queres vir con nós?», preguntáronlle os outros mozos. Xaime mirou para o seu pai, que o animou.

«Que teño que facer?», preguntou o neno. «Deixarte levar», respondeu Mónica.

Brais colleu os mandos da súa cadeira e achegouno ao galpón. Alí había unha morea de adornos que estaban colocando entre todos. Os máis pequechos colaboraban cos seus traballos e, tamén, facían unha actuación para entreter a todos, sobre todo, aos máis anciáns e anciás, que cando os vían os seus ollos humedecían de emoción.

Xaime asustouse un chisco, pero enseguida se adaptou, porque atopou un acollemento especial.

«Teño medo de non facelo igual que os demais!», pensaba. A verdade é que nunca se encontrara nunha situación igual. Nunca tivera a necesidade de enfrontarse a algo porque, en realidade, ninguén lle dera a oportunidade. «Non lles podo fallar! Non importa se non sae ben! O máis importante é que é Nadal e podo estar rodeado de amigos!», pensou.

Chegou o momento e soaron os acordes da panxoliña. Saíu collido da man de Mónica. Era verdade! Non estaba só! Estaba tan só vivindo un verdadeiro Nadal que fixo que se esquecese de todo e gozase como un auténtico neno. Ese foi un verdadeiro Nadal. Hai algo máis fermoso?

A viaxe do Apalpador

 

 

Terceiro Premio

Daniela Esteban Simes | CEIP Xesús San Luís Romero

«Toc, toc». «Quen é?». «Son o carteiro». Un home sentado a carón do lume levantouse. «Canto tempo! Quen será?». Abriu e viu que os Reis Magos o convidaban á Costa da Morte. O Apalpador estaba ledo e axiña chegou á Terra de Bergantiños. «Que tal, amigo?». «Ben! Estou desexando coñecer esta terra. Cal é o primeiro destino?», dixo o Apalpador. «Será aquí na Terra de Bergantiños. Subiremos ao Monte Neme e alí trazaremos a ruta», dixo Melchor.

Xa no alto, o carboeiro quedou enmudecido. «Estamos de sorte», dixo Gaspar, «hai lúa chea!». O xigante non escoitaba! A grandeza do mar impedíalle pór atención e só vía as praias de Razo, Baldaio, Balarés, as Sisrgas... «Eh, Apalpador! Hai traballo!», apuntaron os Reis Magos. Dixéronlle adeus a Bergantiños e foron á Terra de Soneira. «Subiremos aos Penedos de Pasarela e marcaremos un traxecto», apuntou Baltasar. O carboeiro non escoitaba! Os seus ollos estaban cravados no Castelo de Vimianzo, as Torres do Allo, os Batáns e Muíños do Mosquetín, a Ponte de Brandomil, Camariñas... «Menudo tesouro!», dixo.

Era a quenda da Terra de Fisterra. «Chegamos!», dixeron os Magos. «Subiremos ao faro e alí marcaremos un camiño», engadiu o ancián. Aquel mar era inmenso e o Apalpador enfeitizouse co Monte Pindo, a praia de Langosteira, Espiño, a fervenza do Ézaro, a ría de Corcubión, o hórreo de Carnota... «Apalpador!, tan só nos queda a Terra de Xallas».

Cando chegaron xa amencía. «Hai que darse présa! A rapazada erguerase!», dixo Gaspar. «Subiremos ao alto do Pindo e trazaremos un itinerario», dixo o máis vello. O Apalpador non paraba de mirar o grandeza do Xallas e con que forza caía no Ézaro para desaparecer no mar. Xa era día!

«Amigo, é hora de irnos», dixeron os Magos. «Si, volverei para a miña querida fraga, pero regresarei para o ano. Gústame moito a Costa da Morte, ten moito que ver, entreter, aprender e querer!

Os Reis Magos e as novas tecnoloxías

 

 

Érase unha vez unha época na que os nenos de 7 anos xa tiñan un iPhone 11 e os de 10 xa falaban por Facebook con calquera persoa. Nesa época, os Reis Magos xa estaban velliños de todo e non podían ir por toda a Costa da Morte: Cee, Corcubión, Bergantiños, Fisterra, Dumbría... E tampouco os seus camelos podían viaxar -RIP polo camelo de Baltasar.

Como ían facer para repartir os regalos? Tiñan que utilizar outros métodos; pensaron en pombas mensaxeiras, ir nun coche, comprar outros camelos... Pero non tiñan outra opción, tiñan que usar a Internet. Entón, buscaron aplicacións nas que puidesen entregar os seus agasallos a todo o mundo e atoparon Amazon.

Os nenos preguntábanlle ás súas nais: «Mamá, por que tes notificacións de Amazon?». «Non o sei», respondían. A noite de Reis tódolos nenos durmiron un pouco preocupados, pero, ao día seguinte, espertaron, foron a onde tiñan a árbore e agacháronse para mirar os regalos.

«Mamá!!!», gritaron os nenos, pois había paquetes de Amazon arredor da árbore. Abríronos e... regalos!

E dende ese día, tódolos anos hai paquetes de Amazon baixo a árbore de Nadal.

Cuarto Premio

Lara del Río París | CPR Manuela Rial Mouzo

Un agasallo especial polo Nadal

 

 

Quinto Premio

Lucía María Pampín Acosta | CEIP A Cristina

Había unha vez dous irmáns, Nora e Xosé, que vivían en Fisterra. Levábanse moi ben e queríanse moito, pero ás veces pelexaban... tamén no Nadal. Un día, despois de cear, quedaron durmindo e a súa nai foinos deitar e deulles un bico.

Á mañá seguinte Nora berrou «Xa é Nadal!» e Xosé levantouse correndo e contestoulle: «Papá Noel deixou unha carta no salón. Imos lela!». Nora comezou a lela e dicía o seguinte: Nora e Xosé, hoxe é Nadal! Tedes un agasallo moi especial. Non é nin turrón, nin chocolate, nin xoguetes, nin roupa... É algo moi especial, pero teredes que buscalo xuntos.

«Que será?», preguntou Nora. «Non sei, pero imos buscalo!», contestou o seu irmán. Pola ventá víase o faro de Fisterra, que acendía e apagaba como se lles quixese dar un sinal... Xogaran tantas veces alí que decidiron achegarse a ver se atopaban ese agasallo especial. Xusto na porta do faro había outra nota: Estades ben cerquiña do voso agasallo! Ánimo!

Os rapaces miraron arredor e non viron nada que lles dese ningunha pista, así que, cansos, sentaron nos golfiños de pedra que hai ao lado do faro, mirando a inmensidade do mar. «Non o imos atopar, Xosé», dixo Nora. «Temos que seguir intentándoo, Nora. Xa sabes o que nos di mamá, que con esforzo e axuda todo é posible», respondeu Xosé.

Baixaron ata a punta do cabo e viron a Papá Noel sentado onda a bota dos peregrinos. Era el! Estaba descansando do traballo que tivera toda a noite.

Ao velos, díxolles: «Ola, rapaces! Agardo que vos decatarades que o mellor agasallo é o amor de irmáns e o esforzo por conseguir os vosos soños. Agora volvede á casa e buscade os agasallos que pedistes... Están no garaxe, seguro que vos fará moita ilusión!».

E Papá Noel desapareceu... Nora e Xosé nunca esquecerán aquela mañá buscando pistas por Fisterra.

Carla e Nevín

 

 

Sexto Premio

Sabela Villar Castro | CPI A. X. Pichel

Érase unha vez unha nena chamada Carla que estaba moi emocionada porque ía pasar as vacacións de Nadal á montaña. Prepararon as maletas para ir á neve e vestíronse con roupa quentiña. Cando chegaron ao seu destino, Carla quería facer moitas cousas: esquiar, tirarse co trineo por unha costa abaixo, arrolarse na neve...

Pero o que de verdade quería facer nese momento era un boneco de neve. Mentres os seus pais descansaban, fixo un espectacular. Aínda que sabía que non lle ía responder, faloulle: «Ola! Chámome Carla». O boneco de neve respondeulle: «Ola!». Carla mirou ao boneco de neve aos ollos e despois berrou, dicindo: «Este boneco pode falar!». Como ninguén lle fixo caso, o boneco seguiu: «Chámome Nevín. Moitas grazas por facerme con tanta ilusión. Ímolo pasar moi ben xuntos!». Esa tarde Carla gozou moito de estar con Nevín e sentiuse triste por ter que deixalo fóra pola noite. Entón, tivo unha idea. Colleu papel e lapis e púxose a escribir:

«Querido Papá Noel: Xa non quero todos os agasallos que che pedín, o que me gustaría máis que nada é non ter que separarme nunca de Nevín. Un abrazo, Carla».

Cando se ergueu ao día seguinte, Carla púxose moi triste porque Nevín xa non estaba. Foi xunto ao pino e viu que tiña un agasallo: era un peluche en forma de boneco, moi parecido a Nevín. Vaia! Papá Noel non entendera moi ben a carta! Case chorando, Carla volveu para a cama co seu agasallo.

Entón, oiu unha voz coñecida que proviña do peluche: «Agora si que o imos pasar ben. Non si, Carla?».

O libro máxico

 

 

Sétimo Premio

André Liaño | CPR Manuela Rial

Era unha vez un neno que vivía nun pequeno pobo e estaba a punto de chegar o Nadal. Como estaban de vacacións, os nenos do pobo reuníanse na biblioteca para escoitar contos. Cando terminaban, todos ían para as súas casas menos un neno que quedaba máis tempo para ler contos, porque lle gustaba moito ler e quedaba todo o tempo que podía na biblioteca.

Un deses días descubriu un libro que nunca antes vira. Era un libro cheo de pó, moi antigo, tan antigo que parecía que se ía desfacer só con tocalo. Pero aínda así decidiu collelo con moito coidado e, ao abrilo, sentiu un refacho de vento frío que fixo que varias follas saísen voando. Cando levantou a cabeza despois de atrapar as follas, viu que a biblioteca xa non era a mesma. Semellaba ser moito máis antiga, chea de libros vellos, con teas de araña por todas partes e con pouca luz. E o preguntou: «Onde estou?».

De súpeto, pasou un gato que dixo: «Estás nun mundo fantástico»; ao que o neno respondeu: «Onde é iso?». «No libro, rapaz», contestou o gato, «invocaches ao espírito do libro e agora tes que facer unhas probas para ser o Cabaleiro sen armadura, comezando por adestrar e fortalecer o teu corpo». E así foi como, seguindo os ensinos do libro, o neno foi aprendendo as técnicas da loita e logrou derrotar a todos os seus inimigos.

Pero un día estaba triste porque pensaba que non podía derrotar a todos os inimigos para acabar co feitizo do libro e poder volver á súa vida. Xa tiña conseguido gañar a case todos, pero faltaba o peor, o Feiticeiro do Inframundo, e xa non tiña confianza nin forzas para conseguir gañar. Entón, apareceu outra vez o gato e díxolle: «Se non confías en ti mesmo, non poderás saír nunca deste mundo. Ti podes facelo».

O neno loitou con todas as súas forzas e conseguiu gañar ao Feiticeiro. Estaba tan canso que quedou a durmir debaixo dunha árbore para repoñer forzas. Cando espertou, oíu a voz da súa nai dicindo: «Arriba, que é Nadal, tes que abrir os agasallos!». Que sorte! Por fin estaba na súa casa, e todo por ter conseguido non dubidar de si mesmo. Os regalos non importaban, o mellor era que estaba na casa coa súa familia!

A grandeza dos avós e avoas

 

 

Oitavo Premio

Había unha vez unha familia do alto de Sofán. Os xoves baixaban á feira comprar produtos da terra: patacas de Coristanco, noces de Berdillo, xenos de Lema... «Xa temos o que precisamos!», dixo o ancián. «Falta a árbore de Nadal!». Os dous foron pola feira buscando unha árbore, mais xa se esgotaran. «É mellor volver para a casa», dixo o avó. «Que che parece se imos buscar unha árbore?». Despois de xantar foron á fraga. Miraron e miraron, pero non atopaban nada. Notaron un recendo que os levou ao interior do bosque. Alí o olor era cada vez máis forte e, de repente, caeron nun profundo sono. Soñaban que a árbore máis sabia da fraga estaba moi triste ao saber o motivo da súa visita e oíron: «Para min e para os meus amigos será un Nadal triste se cortades ás árbores, porque son vida».

Ao espertar sentíanse mareados e coa sensación de que alguén lles falara. «Avó, que pasou?». «Non sei!», respondeu. «A min faloume unha árbore». «A min tamén e tiña unha mensaxe moi acertada!».

«Que faremos?», preguntou un. «Entón, como celebraremos o Nadal?». «Estou pensando que poderiamos plantar unha árbore no xardín e adornalo». «Que ben!», dixo o neno, «direille aos meus amigos que fagan o mesmo. Pero... avó, hai nenos que non teñen xardín!». «Ocórreseme que se podería plantar unha árbore na praza para que cada quen poña o seu adorno e todos e todas o sintamos algo noso». «Tamén falaremos co avó de Xoán para que nos aprenda a facer coroas de Nadal», dixo o neno. «Certo! Era o cesteiro máis importante da contorna». «Apañaremos pólas e pinas e faremos as coroas». «Non debemos perder tempo!».

Correron a onda Pepe, o cesteiro, que quedou encantado coa idea. Reuníronse na casa de Xoán. Había moitas risas! E non faltou a torta da avoa Carme! Que deliciosa estaba! Que tarde máis fermosa!

Santos Fonseca Media Vagnecy Adjani | X. S. L. Romero

A historia de Cascabel

 

 

Noveno Premio

Alma Teijeiro Pérez | CEIP O Areal

Esta é a historia de Cascabel. Cascabel é un canciño pastor alemán moi xoguetón. Cascabel vivía nas aforas de León cunha familia moi rica, e era moi feliz.

Marina e Carlos, os neniños da casa, sempre levaban a Cascabel ao parque, xogaban con el e cando chegaba o Nadal sempre tiñan un agasallo para el.

Unha tarde que saíron de paseo, Cascabel despistouse e perdeuse. Camiñou e camiñou ata que chegou á cidade. Estaba moi asustado porque todo era distinto, había moito ruído e moitos coches, así que, mortiño de medo, quedou encollido xunto unha farola. Unha vagabunda que pasaba por alí, recolleu a Cascabel.

Chamábase Carlota, non tiña familia e vivía na rúa dende había moito tempo. Dende ese día, Carlota e Cascabel fixéronse inseparables; buscaban comida, daban longos paseos e durmían abrazados.

Unha noite fría Cascabel púxose enfermo. Carlota levouno ao veterinario. Alí curárono e dixéronlle que o can era doutra familia. Carlota púxose moi triste porque se acercaba o Nadal e outra vez o ía pasar soa. Ao día seguinte, Carlota púxose a buscar a familia de Cascabel e, cando chegou á casa, Marina e Carlos quedaron moi contentos de volver ver Cascabel. Os pais dos nenos, como agradecemento, deixaron a Carlota vivir con eles.

Ese Nadal celebrárono todos xuntos e Cascabel pensou que ese fora o mellor agasallo de todos.

Un Nadal para lembrar

 

 

Décimo Premio

Zakaria Khdoud Zerradi CEIP X. San Luis Romero

Había unha vez unha familia pobre que vivía nunha casa preto da costa. Eles estaban famentos porque apenas tiñan para comer. O pai e a nai quedaran sen traballo, así que non había cartos.

«Filliños, non debedes contar nada do que nos está a pasar! O voso pai e máis eu temos medo de que os veciños non entendan a nosa situación». «Está ben, mamá! Nós non o contaremos para recordar que mañá é Noiteboa e virán os avós!». «Si, xa o sei», dixo a nai, con tristura, «só nos queda falar cos avós e dicirlle todo!».

Mentres tanto os fillos suplicaron aos pais que esperasen un pouco a ver se cambiaba a súa sorte. O máis cativo dos tres irmáns, Xosé, saíu xogar co seu compañeiro que notou algo diferente no seu comportamento. Víase triste e con poucas ganas de brincar.

«Que tes, Xosé? Hoxe non pareces o mesmo!». O rapaz non aguantou máis e confesou ao seu amigo o que lle pasaba cunha bágoa nos seus ollos. «Tranquilízate, terás un Nadal para recordar! Xa verás». Xosé deixa ao seu amigo e marcha para a casa, aínda, máis triste porque rompera a promesa que lle fixera aos seus pais.

Daniel correu rápido a dicirlle á súa nai que, con discreción, conseguiu xuntar unha morea de comida para celebrar a Noiteboa.

Chamaron e, cando a nai abriu a porta, atopou un cesto cheo de patacas, xenos e unha folla de bacallau. Tamén había doces: turrón, castañas, uvas e figos pasos...

A nai quedou muda! Non entendía nada! Pero a súa cara mudara a tristura pola esperanza. Xosé permanecía calado, pero non aguantou máis e confesou todo á súa nai. Ámbolos dous achegáronse á casa de Daniel para agradecer o xesto.

«Grazas? Nós non fixemos nada, é o Nadal que o enche todo de maxia!». Todos sorriron e déronse unha aperta de complicidade.