E así comezou todo...

Irma Macías

CARBALLO

ANA GARCIA

En primeira persoa | «Tiven o pracer de cantar con varios membros de Luar na Lubre para pasar a ser vocalista actual desa gran familia», por Irma Macías

01 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na casa de Ínsua de Reparada sempre gustou a música, meu avó formou parte dun grupo de gaiteiros coñecidos como Os gaiteiros de Bamiro que máis tarde se chamarían Airiños de Soneira como demostraban os restos do bombo que meu avó tocaba gardados nunha hucha do faiado.

Tamén miña avoa cantaba moi ben, eu escoiteina algunha vez, pero é moita a xente que a día de hoxe me conta como se emocionaba ó escoitar a súa fermosa voz. Hai pouco puiden coñecer a opinión de varias persoas que insisten en que eu herdei a voz de miña avoa, que tamén era miña madriña. Os vellos dicían que os padriños, a través da pía bautismal, pasábanlle cousas ós afillados, e a min entón non me puido deixar mellor herdanza, a voz, que me permite facer o que tanto me gusta que é cantar e a súa forma de ser (aínda que me queda moito para ser coma ela) só o pensalo, córrenme as bágoas polas meixelas porque ela foi un ser clave na miña vida, tiña unha filosofía de vida impresionante, era toda bondade, traballadora, ensinoume a ser loitadora e deume todo o seu amor.

O meu benquerido avó, e tamén padriño, tocaba a pandeireta, e eu, ó seu carón na lareira, aprendín mirando como el tocaba. Nun principio utilizaba obxectos que simulasen unha pandeireta para imitar os movementos e percutir sobre eles, pero pouco despois, os Reis Magos tiveron a ben agasallarme unha de xoguete, desas de plástico con debuxos típicos de Nadal. Cando xa soaba de xeito aceptable meu avó mercoume a miña primeira pandeireta, unha de verdade! Compartiamola, que menos. Lembro que cando ía andar á Barca a Muxía, o que máis e o que menos levaba algo para picar polo camiño, menos el que levaba a pandeireta, aquí aproveito para espetar a mítica frase «Deus dea humor».

El ensinoume coplas tradicionais e tamén cantaba na misa. Eu escoitabao ensaiar para despois practicar a soas o que lle aprendera. Hoxe é meu avó o que escoita os meus ensaios, e eu feliz por telo aí.

O primeiro lugar público no que eu cantei xa de nena foi na igrexa, porque vía que a xente o facía e co que a min me gustaba cantar como para non aproveitar esa oportunidade! Son unha persoa de moita fe e vivo eses cantos dun xeito especial. Actualmente sigo cantando nas igrexas acompañada coa guitarra do meu bo amigo Xaquín, grazas a que no seu día o noso párroco, Alejandro, nos animou e brindou o seu apoio para comezar a cantar neste ámbito.

Anos máis tarde, xa no colexio de Vimianzo, debía de ser moi evidente que levaba a música nas veas, porque a mestra de música mandara chamar a miña nai para dicirlle que mirara de apuntarme nunhas clases de música ou no Conservatorio porque tiña moi bo oído e aptitudes musicais. Lembro o contenta que me puxen, pero non, non puido ser, entre outras circunstancias, acababan de descubrirlle a miña avoa un cancro bastante avanzado e todo era virar para un lado e para outro con probas, consultas, logo quimioterapia… Un capítulo moi triste no que miña avoa acabaría falecendo con tan só 59 anos. Alá onde estea sabe que non hai un día que non me lembre dela, grazas por tanto! Canto te quero madriña!

Decote estaba en escenarios, en festivais escolares e de todo tipo e tamén fixen teatro con Badius, dos que aprendín moito e gardo bos recordos, e escoitaba moita música para aprender cada vez máis de xeito autodidacta.

Sempre contei co ánimo e incondicional apoio de miña nai, a que tanto quero, que vía como eu sentía a música dun xeito especial e sempre a teño aí para todo, grazas mamá! E se falamos de dar as grazas (é de ben nacido ser agradecido) teño que darllas a moita xente, pero especialmente a Manuel Antelo Pazos, que dende a primeira vez que me escoitou na Casa da Cultura de Vimianzo, onde todo comezou, o daquela alcalde do Concello, sempre que foi posible me convidou a cantar en diversos eventos para facer chegar a miña voz a todos os oídos posibles. E cheguei a oídos de Pepe Formoso, ó cal tamén lle agradezo que confiase en min para convidarme a aquela inesquecible Gala Nordés onde tiven o pracer de cantar con varios membros de Luar Na Lubre. Pouco despois colaboraba con todo o grupo ó completo nalgún dos seus concertos e na gravación do seu disco Ribeira Sacra para finalmente pasar a ser a vocalista actual desta pequena gran familia chamada Luar Na Lubre.

Dou grazas a Deus por todo e por poñer xente tan boa no meu camiño, que vendo o meu amor, esforzo e entrega pola música, me axudaron a facer realidade os meus soños.

Saúde e música amig@s!