O estado lamentable do refuxio de Verdes

José Antonio Andrade TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

27 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Duns anos para acó, cada invernía deixa o chamado coto de Verdes en estado lamentable. Veciños e foráneos levámonos as mans á cabeza e todos interesamos, non sen razón, unha decidida intervención das Administracións que teñen competencias sobre o extraordinario enclave do Anllóns. Trátase de evitar a perda dun conxunto etnográfico de extraordinario valor, amén dun punto de encontro harmónico coa natureza, que pasa por ser unha referencia turística da comarca bergantiñá. Sen embargo, nin a indignación persoal nin os bos desexos colectivos deberan levarnos a decisións precipitadas que, lonxe de resolver o problema, acaben por agudizalo.

Por obvio que resulte afirmalo, se hai cen anos o caudal do Anllóns medrara da maneira en que, xa de modo regular, o fai cada outono-inverno, ningún veciño da parroquia achantaría o muíño familiar onde hoxe aínda poden verse. Non só porque estaría tirando cos cartos, senón porque ademais sería sinalado coma un tolo pola propia vecindade. Se non queremos seguir dando paus de cego nin gastando inutilmente os cartos do erario público, haberá que deixar de contrariar as leis da natureza e aceptar dunha vez por todas algunhas verdades obxectivas.

Crecidas constantes

Primeira. O cambio climático non é un invento de catro radicais que se chutan con zume de ortiga. As «crecidas» do río serán unha constante, de xeito tal que o volume e a forza da auga alterarán de maneira notable a canle natural, afectando, e mesmo derrubando, toda canta construción permanente ofreza resistencia ao empurre das augas.

Segunda. Liberar a canle de árbores caídas, de ramaxe e demais restos de vexetación e atrancos de toda composición, pode parecer, a curto prazo, unha solución, pero non vai minorar o caudal de auga soportado, senón que imprimiría máis velocidade, e polo tanto maior poder devastador ao río sobre das ribeiras en xeral, que é onde adoitan situarse os muíños, lavadoiros e outros elementos patrimoniais de interese etnográfico.

Terceira. Xa é tarde para salvar todos cantos muíños abeiraban o río, entre outras razóns pola súa difusa e complexa titularidade, que conleva á ruína final da maioría; pero aínda é posible restaurar e conservar aqueles que están mellor preservados da forza inesperada das augas. Centrémonos en inventariar e protexer eses.

Cuarta. O acceso á paraxe de Verdes é perigoso, caótico, ademais de moi incómodo para a propia vecindade, que soporta os inconvintes dunha circulación de sentido dobre onde apenas pode circularse con soltura en sentido único.

Mellorar os servizos

Quinta. Foi un erro concentrar a zona de merendeiro nas insuas do río, cando a ribeira dereita é moito máis accesible e ofrece extraordinarias posibilidades cunha mínima afectación medioambiental, recurrindo a un sistema de socalcos que permitan a instalación de novas mesas e preserven as vistas sobre dun río, que sigue a ter un valor económico incalculable, a pouco que o mimemos entre todos. José Antonio Andrade. Coristanco.