A regueifa da semana, por Lupe Blanco

Lupe Blanco

CARBALLO

MATALOBOS

«Vai votar que non che custa, na mañá ou na tardiña, e non estragues o voto, vota con cabeciña», di Lupe Blanco

10 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste domingo regueifo,

acabouse o de pensar,

levanta o cu da cama

que hoxe hai que ir votar.

Non vale estar cabreada,

tes a obriga de ir votar

despois do que hai que oír,

está na túa man cambiar.

Eu vou dar unhas pautiñas,

como se algo soubera,

que, vendo o panorama,

disto opina calquera.

Se queres subir impostos

e prefires recortar,

mirando polo empresario,

tes partido a quen votar.

Se buscas a igualdade

e a educación cambiar,

contra toda violencia,

tes partido a quen votar.

Se queres ser progresista

e tirar por exhumar,

sen centos cincuenta e cinco,

tes partido a quen votar.

Tamén podes ir de progre,

mirando con quen pactar,

e tirando para a dereita

tes partido a quen votar.

E se che interesa Galicia,

e crees que é mellorar,

se pensas que desta vai

tes partido a quen votar.

Pero se vas co pasado

e con racismo de fondo,

sen ningunha liberdade,

terás partido abondo.

Espero que che axudara,

non quero ningunha guerra,

que se non quedou moi claro

votamos na primavera.

Que unha cousa queda clara,

neste día non nos mexan,

hoxe falamos nós

e que fagan o que vexan.

Vai votar que non che custa,

na mañá ou na tardiña,

e non estragues o voto,

vota con cabeciña.