Mirar á Morte

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

04 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un velliño sempre me dicía cando era pequena que el non lle tiña medo á morte, que se a vise naquel intre non se lle ocorrería escapar. Aquela frase quedou apegada a miña memoria todo este tempo. Imaxino a morte ollándome fixamente, fronte con fronte, exhalando o seu alento fétido namentres vén por min. Curiosamente imaxino a morte coma unha anciá de cabelos esbrancuxados, dentes ennegrecidos e concas dos ollos baleiras. Será pola influencia do cine ou pola idiosincrasia galega, onde a morte sempre se representa como unha figura feminina que se senta aos pés do leitos dos enfermos.

Aínda hoxe, semella que estou vendo a aquel vello, con aquela rotundidade, a súa fixeza e determinación. El só lle tiña medo ao padecemento, aos cuartos de hospital e ás enfermidades que levasen consigo sufrimento. A morrer, non lle tiña medo.

Pasaron os anos e confeso que eu non teño a convicción aparente deste señor. Eu téñolle medo á morte en tódalas súas variantes. Teño medo á miña e a dos meus e a culpa non é miña. Á miña xeración educáronnos dunha maneira onde temos todas as necesidades satisfeitas a través do material, nunca nos educan coa realidade de que o único prezo para vivir é a peaxe da morte.

Todos os que están lendo este artigo morrerán. Hoxe, mañá ou dentro de moitos lustros. Eu tamén. É a verdade máis rotunda que pode existir no universo, por moito que nos vendan as cápsulas futuristas e o detemento do envellecemento. Mentres, tócanos vivir a vida o mellor que poidamos, coas nosas faltas, alegrías e angustias.

Estes días chove. Sempre chove polo tempo de Defuntos. Cada ano sinto máis o peso e a maxia deste anaco de universo de meigas, lendas e ánimas chamado Costa da Morte.