Daquela

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

30 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo, na miña parroquia, e en todas as parroquias desta volta, no que todas as casas tiñan a alguén da familia, directa ou indirecta, en Suíza. Hoxe, só hai unha con xente que vai e vén cada ano, agora xa varias veces. Son o único enganche con ese pasado do que tanto teño escrito e que tanto nos marcou. Ás veces paso por unha das casas e lembro o que me dicía o seu dono, que para saír de Galicia levaba sempre no coche tres cintas (casetes, para os novos; ou mellor reprodutores de música, para os máis novos). A primeira, a de Nino Bravo, dáballe para chegar ata o límite coa provincia de Lugo. E así sempre; cada canción era un concello. Creo que aínda hoxe o é.

Por eses mesmo anos, ou durante séculos, case todas as casas da mesma parroquia, e seguro que das demais, tiñan vacas. Hoxe, só unha. Só unha casa de máis de 80! Ademais, son rubias. Dúas en total, e se cadra tres en breve se a Pinta (que en realidade é marela) está preñada, algo difícil de saber agora que engordan tanto da fariña que toman e do pouco que se moven.

E si, tamén nesa mesma época, máis ou menos, todas as hortas tiñan moitas e boas froitas. A min facíaseme a boca auga ata de escoitar os nomes das mellores mazás: repinaldos, tabardillas... Xuraría que hoxe só resiste unha horta con elas. E non, non é a do cura, que cando marchou cortou as mazanceiras todas (imperdoable). Hoxe, nin curas quedan. O de ir roubar nelas, coma mandaba a tradición, era relativo, case iamos obrigados, porque na casa de cada un tiñamos de sobra. Outra cousa era nas Torres do Allo, abandonadas daquela, pero iso si que dá para outras historias.