Hai moitos anos, pero moitos, cando ía cos avós pola leira abaixo a tornar dos animais que nos viñan comer o millo, o novo e despois o máis grande, pensaba que todo aquilo sería historia xa de maior. Non sabía por que (se cadra por falta de animais, de millo ou de home no futuro), pero si tiña a sensación de que asistía a algo que desaparecía. Tumbado naqueles herbais ao lado da leira, de par do lume co que tratabamos e espantar aos porcos teixos, miraba as estrelas e pensaba no que ía vir, pero tampouco moito: o que eu quería de verdade era ir para a casa e deixar de pasar frío e algo de medo. Podería lembrar aquilo en plan Cuando éramos niños/ los viejos tenían como treinta [...], pero as cousas como son, era un aburrimento e non estaba eu para benedettis.
Logo, de adolescente, a cousa mellorou un pouco porque lle poñiamos unha radio. Nós, e moitos. Isto si que era realismo máximo, escoitar o parte e a música polas noites no medio da leira, que ía e viña co vento, pero non compensaba. Aínda así, pensaba que aquilo tampouco tiña futuro.
Pero non: o de sempre non se vai. O presente é pasado: corre o tempo e agora véxome algunha noite acompañando a miña avoa cun caldeiro metálico e petando nel ben forte cun pau para espantar aos porcos teixos, que veñen roer as patacas e gústanlle ben, e seguramente tamén aos xabarís, que estes xa van máis polas espigas.
Supoño que co ruído se espantará de paso a todo bicho que haxa por alí roldando, xa sexan tamén raposos ou denosiñas, agás que toda esa fauna sexa bisneta daquela que nos fastidiaba nos anos 70 e teñan o conto ben sabido. Se cadra tamén fan memoria.